O conselleiro de Sanidade interveu na mesa inaugural do curso de verán `Novas tecnoloxías na abordaxe da dor: avances e oportunidades´ que se celebra en Santiago

Gómez Caamaño reivindica a aposta do Servizo Galego de Saúde polas novas tecnoloxías para acadar un modelo de atención á dor máis personalizado e eficiente

Destaca que a forma de diagnosticar, tratar e medir a dor na sanidade pública mudou grazas á intelixencia artificial, á telemedicina e a novos dispositivos de monitorización

A unidade da dor do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense foi a primeira de España acreditada coa norma de Acreditación de Dor Oncolóxica da Sociedade española de calidade asistencial

As unidades da dor das sete áreas sanitarias superaron as 44.000 consultas, un 40 % máis que en 2020

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, remarca a aposta do Servizo Galego de Saúde polas novas tecnoloxías para acadar un modelo de atención á dor máis personalizado e eficiente.

Na súa intervención na mesa inaugural do curso de verán Novas tecnoloxías na abordaxe da dor: avances e oportunidades, organizado pola Sociedade Española da Dor no Pazo de Fonseca, Gómez Caamaño sinalou especialmente o tratamento á dor oncolóxica.

“A intelixencia artificial pode cambiar o manexo de pacientes con dor, a maneira de diagnosticar, tratar e medir a dor”, indicou o conselleiro de Sanidade, quen lembrou que o Servizo Galego de Saúde emprega tanto a intelixencia artificial como a telemedicina e os novos dispositivos de monitorización na atención á dor.

Neste ámbito destaca a unidade do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense foi a primeira de España acreditada coa norma de Acreditación de Dor Oncolóxica da Sociedade española de calidade asistencial.

O ano pasado as unidades da dor das sete áreas sanitarias superaron as 44.000 consultas, un 40 % máis que en 2020. Esta cifra reflicte o incremento da demanda e tamén a confianza nun modelo asistencial que está a evolucionar e a adaptarse ao uso de ferramentas como as novas tecnoloxías.

A consellería de Sanidade conta na Estratexia de calidade e seguridade do pacientes cunha liña específica para o tratamento e prevención da dor que integra, ademais da visión do paciente, tamén a da súa contorna familiar e a dos profesionais de todos os niveis asistenciais.

A isto súmase a Comisión Galega da Dor para aumentar a coordinación entre as distintas áreas, actualizar guías clínicas e promover a innovación clínica e tecnolóxica.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2025