A Xunta destaca o exemplo de Actemsa e do seu fundador Severino Escurís como referentes na industria de transformación de productos do mar

A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 4 de xullo de 2025

A directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, participaron esta tarde no acto de entrega da Medalla ao Mérito Empresarial ao presidente honorífico da empresa Actemsa, Severino Escurís. Na súa intervención, Sandra Vázquez destacou o extraordinario labor do fundador de Actemsa á fronte dunha empresa familiar que é referente no seu sector e incidiu en que esta medalla é un recoñecemento ao seu exemplo de dedicación, traballo e compromiso nunha industria de gran potencial en Galicia, como é a da transformación de produtos do mar.

Pola súa parte, Cándido Rial puxo en valor o labor deste empresario que, coa súa traxectoria, se converteu nun referente indiscutible do sector conserveiro galego e nun motor da economía vinculada á actividade marítimo-pesqueira que, en Galicia, representa o 5% do Produto Interior Bruto (PIB). Unha traxectoria impecable que inspira ás xeracións máis novas, sendo reflexo dun emprendemento responsable, capaz de competir ao máis alto nivel e sen perder a súa identidade, proxectando, de xeito paralelo, unha imaxe de país que non só produce, senón que tamén coida e respecta ao medio mariño.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2025