A Xunta acada a maior adxudicación de solo empresarial dos últimos 10 anos, con preto dun centenar de parcelas e un importe de 15,8 M€
O concurso, o primeiro tras a incorporación das novas medidas de axilización e antiacaparamento, mobiliza case 240.000 metros cadrados en toda Galicia
Rueda resalta que a convocatoria saldouse coa adxudicación de “90 parcelas a 44 empresas”
Por provincias, Lugo concentra o maior número de predios, con 44 adxudicados, seguida da Coruña, con 32, Ourense con 11 e Pontevedra con tres
Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2026
O Consello da Xunta tomou razón hoxe dos resultados da primeira fase do concurso público de venda e concesión de dereitos de superficie de parcelas deseñada pola Consellería de Economía e Industria, a través de Xestur, para axilizar a implantación de novas industrias en Galicia. “Galicia acadou a maior adxudicación de solo industrial da última década”, salientou o presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda.
En concreto, tal e como explicou, o concurso saldouse coa adxudicación de “90 parcelas a 44 empresas”, que suman 239.715 metros cadrados de superficie e un importe de 15,8 millóns de euros.
A convocatoria, posta en marcha o pasado mes de abril no marco do Plan de desenvolvemento de solo empresarial, incorporou novas condicións de acceso ao solo e novas fórmulas de comercialización máis flexibles, co obxectivo de facilitar a implantación de empresas e proxectos industriais. Ao mesmo tempo, reforzou os mecanismos destinados a garantir que o solo público se destine efectivamente á actividade produtiva coa maior celeridade posible.
As novas medidas antiacaparamento incluídas no concurso limitaron o acceso ao solo promovido por Xestur a empresas que noutras parcelas non cumpriron o seu compromiso de implantación da actividade industrial, co obxectivo de dar prioridade a aquelas iniciativas empresariais “cun maior grao de madurez” e capacidade de implantación efectiva “a curto prazo”. Neste sentido, Rueda explicou que un dos requisitos era que as empresas interesadas puxeran en marcha o seu proxecto “nun prazo máximo de tres anos” e que o manteñan “polo menos unha década”.
As bases incorporaron tamén outras condicións para asegurar o destino produtivo do solo, como a exclusión de solicitudes destinadas exclusivamente ao alugueiro a terceiros.
As parcelas adquiridas abarcan unha superficie total de 239.715 metros cadrados e representan un importe de 15.831.898 euros.
Por provincias, Lugo concentra o maior número de parcelas, con 44 e unha superficie de 128.782 metros cadrados, seguida da Coruña, con 32 parcelas e 44.057 metros cadrados. Ourense suma 11 parcelas, que representan 34.976 metros cadrados, mentres que Pontevedra conta con 3 parcelas e unha superficie de 31.901 metros cadrados.
Menos trámites e novas fórmulas de adxudicación
A Consellería de Economía e Industria puxo en marcha un novo concurso público de venda e concesión de dereitos de superficie de 357 parcelas de solo empresarial de titularidade autonómica que suman preto de 800.000 metros cadrados. A convocatoria abranguía parcelas propiedade de Xestión do Solo de Galicia (Xestur) e do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), e incorporaba novas fórmulas para adaptar a venda á realidade do mercado, entre elas, a oferta pública permanente e a adxudicación directa.
Unha vez resolto o concurso, darase paso de forma inmediata á seguinte fase de comercialización do solo que aínda permaneza dispoñible. Deste xeito, Xestur publicará hoxe na súa páxina web (https://www.xesturgalicia.com/) a resolución íntegra do concurso e a relación das parcelas que resultaron vacantes. Así, as empresas interesadas poderán presentar solicitudes de adxudicación directa sobre estes terreos. A adxudicación neste caso será por orde de solicitude, sempre que se cumpran cos requisitos.
E, en paralelo, continuará a tramitación da oferta pública permanente, un procedemento pioneiro implantado por primeira vez en 2026 e diferenciado do concurso agora resolto, que permite presentar solicitudes de solo empresarial de maneira continuada.