O conselleiro de Sanidade participou na inauguración do Congreso internacional de innovación en odontoloxía celebrado en Noia

Gómez Caamaño avanza a creación de novas unidades multidisciplinares de saúde bucodental para pacientes con necesidades especiais

Salienta que a unidade de cirurxía maxilofacial do Hospital Meixoeiro de Vigo está equipada cun ortopantomógrafo dixital 3D que permite diagnósticos máis precisos con menor exposición a radiación

Galicia é referente internacional na integración da historia clínica electrónica para que os profesionais dispoñan da información detallada de cada paciente

O Servizo Galego de Saúde oferta 8 novas prazas de odontólogos e 4 de hixienistas dentais, contando actualmente con 120 odontólogos e 113 hixienistas

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, durante a inauguración do Congreso internacional de innovación en odontoloxía, adiantou a creación no Servizo Galego de Saúde de novas unidades multidisciplinares de saúde bucodental para pacientes con necesidades especiais.

No evento, celebrado no Teatro Coliseo Noela de Noia e que coincide co III Congreso do Consello Galego de Odontoloxía, Gómez Caamaño lembrou tamén a aposta da sanidade pública por tecnoloxía de última xeración. A unidade de cirurxía maxilofacial do Hospital Meixoeiro de Vigo, que comenzou a funcionar a principios de 2025, dispón dun ortopantomógrafo dixital 3D que permite diagnósticos máis precisos con menor exposición a radiación.

En innovación, Galicia está á vangarda na integración da historia clínica electrónica IANUS, que permite aos profesionales dispoñer de información actualizada e detallada de cada paciente, mellorando a precisión diagnóstica e facilitando tratamentos personalizados.

Do mesmo modo, a plataforma É-Saúde permítelle á cidadanía xestionar a información da súa saúde bucodental con autonomía e eficiencia. Ademais, a través da Plataforma de Innovación Sanitaria, o Servizo Galego de Saúde fomenta a participación de profesionais, pacientes e empresas no desenvolvemento de novas solucións asistenciais.

Gómez Caamaño sinalou que a sanidade pública conta con 120 odontólogos e 113 hixienistas dentais, tendo previsto nas novas ofertas de emprego crear 8 novas prazas de odontólogos e 4 de hixienistas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/07/2025