Belén do Campo visitou hoxe a zona comercial do barrio de Monte Alto na Coruña coa Campaña Merca no teu Comercio

A delegada da Xunta puxo en valor unha das iniciativas da Xunta de Galicia, en colaboración coas Federacións Provinciais de Comercio, para dinamizar as vendas de proximidade.

Os participantes entrarán nun sorteo de 1.000€ distribuídos en 20 tarxetas prepago de 50€ canxeables ata o 31 de decembro nos comercios minoristas participantes na campaña.

A Coruña, 9 de xullo de 2025

Belén do Campo, acompañada polo Director Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, e Francisco Javier Mosquera Vázquez, membro da Federación de Comercio da provincia da Coruña,  realizaron un percorrido pola Rúa da Torre, zona comercial do Barrio de Monte Alto na cidade da Coruña, visitando os comercios adheridos a Campaña Merca no teu Comercio.

A delegada puxo en valor unha das iniciativas de dinamización do comercio local que a Xunta de Galicia está a levar a cabo en colaboración coas Federacións Provinciais de Comercio,  que busca estimular a demanda e poñer en valor o comercio local en barrios e en concellos rurais.

A iniciativa estase a desenvolver nas 4 provincias galegas con 10 campañas en cada unha delas, cunha duración de 15 días e rematando cunha entrega de premios. Na cidade da Coruña as accións de dinamización estanse a levar a cabo dende o día 1 de xullo ata o día 15 de xullo, tendo lugar o sorteo o día 16 de Xullo no Campo da Leña da cidade herculina.

Os consumidores que desexen participar deberán rexistrar a súa compra a través da páxina web www.mercanoteucomercio.com. Tamén poderá ser rexistrada polo comerciante a través de la mesma plataforma, duplicando deste modo a participación do consumidor e incrementando as posibilidades de gañar unha das 20 tarxetas prepago por valor de 50 euros que se sortearán en cada unha das campañas e que poderán canxearse nos comercios minoristas das respectivas localidades ata o 31 de decembro deste ano.

Nesta edición, a novedade é a extensión da campaña máis alá das grandes cidades, que ademáis contará con actos de entrega de premios en 40 localidades diferentes, chegando a máis de 60 asociacións de comerciantes e beneficiando os veciños e negocios de 80 municipios.

A representante da Xunta salientou a importancia de accións coma esta para impulsar a actividade comercial e asegurar o mantemento dos negocios promovendo a remuda xeracional. Nesta liña, o futuro Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 que se está a deseñar da man do sector, incidirá na importancia deste tipo de actividades para visibilizar este sector clave na xeración de riqueza e emprego e na fixación de poboación na Galicia non urbana.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/07/2025