A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, e a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitan o campo de voluntariado das Illas Cíes
Un centenar de mozos participan no campo de voluntariado impulsado pola Xunta nas Illas Cíes este verán
A actividade, organizada ao abeiro da temática ambiental e dividida en cinco quendas, inclúe a colaboración en tarefas de mantemento, vixilancia de incendios, mergullo ou en labores de información e sensibilización ás persoas visitantes
A iniciativa está enmarcada na programación estival `Modo verán activo´, que este ano desfrutan 11.630 rapaces e rapazas en toda Galicia
Vigo, 9 de xullo de 2025
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitaron hoxe á mocidade da primeira das cinco quendas do campo de voluntariado das Illas Cíes, unha das iniciativas que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incorpora na campaña Modo Verán Activo e na que participan preto de 600 mozos e mozas nesta modalidade. Alí, Meneses, destacou “o compromiso e a solidariedade dos participantes co medio ambiente e a gran importancia de participar activamente nestas experiencias que favorecen e fomentan a convivencia e a participación entre eles”.
Este campo de voluntariado está enmarcado na modalidade ambiental e os 20 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos que colaboran durante a súa estadía en actividades de mantemento da illa, en labores de vixilancia de incendios, en tarefas de información e sensibilización das persoas visitantes ou con intervencións puntuais de mellora no Parque. Ademais, contribúen tamén na limpeza da illa sur e participan en actividades complementarias de mergullo, dinámicas grupais ou obradoiros e veladas temáticas.
A cifra de participantes nos campos de voluntariado está incluída nas 11.630 prazas que a Xunta ofrece na súa programación estival deste 2025, sendo a maior oferta da súa historia, e que abrangue tamén campamentos, os minicampamentos Coñece Galicia, actividades para maiores de 18 anos ou a posta a disposición das instalacións xuvenís xestionadas pola Administración autonómica para o seu uso.