O delegado territorial da Xunta visito esta mañá a sede da Asociación Sustinea de Ourense, unha das entidades beneficiarias con preto de 65.000 euros

Manuel Pardo subliña o valor do programa Galicia Moza con Alma da Xunta a prol da inclusión social

O delegado territorial da Xunta explicou que o programa Galicia Moza con Alma é un programa de inclusión social da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dirixido ás persoas mozas máis desfavorecidas que teñen dificultades para acceder ao traballo ou á formación

O obxectivo deste programa – mantivo Manuel Pardo- é outorgar ferramentas ás persoas mozas vulnerables inscritas no SNGX para que se integren na sociedade, accedendo a un emprego ou a unha formación, a través dunha formación personalizada

O prazo de solicitudes está aberto ata o día 2 de marzo

O delegado territorial non quixo deixar pasar a ocasión para agradecer aos representantes de Sustinea o seu labor diario a prol da concienciación da cidadanía, as organizacións da sociedade, as empresas e as administracións públicas, para acelerar a transición a unha economía verde, inclusiva e responsable

Ourense, 18 de febreiro de 2026

O delegado territorial da Xunta en Ourense, visitou esta mañá a sede da Asociación Sustinea de Ourense, unha das entidades beneficiarias do programa de mobilidade transnacional xuvenil, Galicia Moza con Alma da Xunta de Galicia con preto de 65.000 euros, que está dirixido ás persoas mozas máis desfavorecidas inscritas e beneficiarias do Sistema nacional de garantía xuvenil e cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027.

O delegado territorial explicou que o programa Galicia Moza con Alma é un programa de inclusión social da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dirixido ás persoas mozas máis desfavorecidas que teñen dificultades para acceder ao traballo ou á formación por diversos motivos, tanto individuais como estruturais, e lembrou que o prazo de solicitudes está aberto ata o día 2 de marzo.

O obxectivo deste programa – mantivo Manuel Pardo-  é outorgar ferramentas ás persoas mozas vulnerables inscritas no SNGX para que se integren na sociedade, accedendo a un emprego ou a unha formación, a través dunha formación personalizada en habilidades e competencias para o emprego; practicas formativas non laborais, titorizadas, de tres a catro meses nun país da UE, e ao seu regreso, o apoio continuado para empregar as novas capacidades adquiridas na busca de emprego ou para seguir estudando.

O representante do Goberno galego gabou a participación da mocidade neste programa. “Galicia pode estar orgullosa da súa xente nova, pois non só conta cun gran talento, senón tamén é tremendamente xenerosa e solidaria como demostra a súa implicación nestas iniciativas e en tantas outras”; e salientou que “esta sociedade máis igualitaria só pode nacer da coeducación dos mozos e mozas, para fomentar a prevención de todo tipo de discriminacións por razón de xénero, e fomentando habilidades necesarias para poder resolver conflitos de forma construtiva e non violenta”.

Deste xeito, “este tipo de iniciativas forman parte da prioridade da Xunta de incrementar as oportunidades laborais das galegas e galegos, sobre todo, daqueles que teñen máis dificultades para acceder ao mercado laboral”; sentenciou o delegado territorial.

O delegado territorial non quixo deixar pasar a ocasión para agradecer aos representantes de Sustinea o seu labor diario a prol da concienciación da cidadanía, as organizacións da sociedade, as empresas e as administracións públicas, para acelerar a transición a unha economía verde, inclusiva e responsable, enmarcada na revalorización do capital social.

A asociación

Sustinea é unha entidade sen ánimo de lucro de ámbito estatal que fixa o Desenvolvemento Sostible como alternativa á degradación natural e como saída ás necesidades locais.

Teñen como finalidade a protección da Biodiversidade en todas as súas formas, a promoción de alternativas baseadas no Desenvolvemento Sostible, a construción dunha sociedade igualitaria, xusta e solidaria e a promoción da educación integral a todos os niveis e en todos os ámbitos, social, ambiental e cultural.

Amosan a súa preocupación polo medio natural máis achegado e a súa defensa para integralo nos proxectos de futuro é un estímulo constante no seu traballo. Prestan apoio e deseñan alternativas sostibles para as diferentes administracións coa finalidade de establecer solucións ambientais aos proxectos emprendidos por estas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/02/2026