A Xunta salienta a vocación emprendedora do tecido empresarial de Ourense e a aposta pola convivencia da tradición e a innovación a prol da xeración de emprego

Ourense, 2 de setembro de 2026

A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, visitou hoxe un dos establecementos da empresa familiar Bermello electrodomésticos e o negocio de animación e deporte Ociosaugal para coñecer as súas necesidades en materia de emprego e captación de talento así como os retos derivados da transformación dixital. Acompañada, entre outros, polo presidente de APE Galicia, José Ramón Caldas, primeiro estivo en Bermello Electrodomésticos, onde se puxo en valor a traxectoria deste comercio tradicional que aposta pola innovación e por combinar o comercio en tenda física co comercio electrónico. 

Posteriormente visitou as instalacións da empresa de animación e deporte Ociosaugal, que desenvolve actividades que combinan deporte, convivencia e aprendizaxe. Neste contexto, Pérez Iglesias recordou o apoio que brinda a Administración galega ao tecido emprendedor, reflectido a través de ferramentas como a Rede de polos de emprendemento. Tamén destacou a orde destinada ao colectivo de autónomos, dotada con 40,7 M€, con prazo de solicitudes aberto ata o 30 de setembro e que inclúe cinco programas que apoian todas as fases do emprendemento, con achegas ao inicio, mantemento, consolidación ou reactivación da actividade. A maiores, tamén visitará a asesoría e consultoría Grupo Vila Castro, que acompaña a empresas e profesionais da zona en diferentes xestións da súa actividade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/09/2026