A Xunta implementará a través da aplicación móbil de EMi novos recursos a prol da empregabilidade como un xerador de currículos con intelixencia artificial

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego avanzou hoxe no Parlamento que a app ligada á ferramenta de IA que está a posibilitar o perfilado competencial no Servizo Público de Emprego de Galicia estará activa este semestre

Ademais do xerador de CV que adaptará o documento a cada ocupación partindo das competencias reais da persoa demandante, a aplicación incluirá datos do mercado laboral do concello, comarca e provincia de interese ou as ofertas e cursos dispoñibles

Segundo Zeltia Lado, estas e outras melloras —como as que se veñen de implementar na oficina virtual de emprego— complementarán a atención presencial nas 54 oficinas do SPEG, ás que se pode acudir independentemente do lugar de residencia

Fixo especial fincapé nos 136 profesionais do equipo de orientación laboral, afirmando que as persoas que recorren a elas e eles se están a colocar no mercado de traballo case tres veces máis que as que non acceden a ningún recurso autonómico

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2026

A Xunta terá operativa neste segundo semestre do ano a aplicación móbil de EMi, a ferramenta de intelixencia artificial que xa posibilitou no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) máis de 115.000 perfilados por competencias —non só por titulacións— co gallo de dar pulo á inserción laboral da cidadanía. Esta nova app porá a disposición das persoas demandantes non só a opción de que realicen os seus propios perfilados, senón tamén datos avanzados do mercado de traballo do concello, comarca e provincia de interese; as ofertas e cursos dispoñibles ou un xerador de currículos con IA.

Foi o que destacou hoxe a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, na súa comparecencia a petición propia na comisión 5ª do Parlamento galego, onde especificou que o xerador de CV da aplicación de EMi adaptará o documento a cada ocupación partindo das competencias reais de cada persoa, ordenando e traducindo a súa experiencia á linguaxe coa que se describe ese posto no mercado co fin de aumentar as súas posibilidades de éxito. Unha reorientación por competencias que se aliña co decreto pioneiro en vigor que regula o Marco galego de microcredenciais para o traballo, que permite que empresas, clústeres, asociacións e colexios profesionais deseñen, impartan, avalíen e mesmo emitan esas microcredenciais, sempre supervisados pola Xunta.

Canto aos datos territoriais aos que se poderá acceder desde a app de EMi, procederán do Observatorio de Prospectiva do Mercado de Traballo —ata agora só en mans da Administración autonómica— para que unha persoa poida saber que ocupacións se están contratando na súa zona antes de decidir en que formarse.

A directora xeral referiuse a outras melloras no eido dixital como as que se veñen de implementar na oficina virtual de emprego, que permiten modificar as ocupacións que se solicitan, comunicar saídas ao estranxeiro, trasladar a suspensión da demanda por enfermidade ou obrigas familiares de coidado, engadir experiencia profesional ao perfil, incorporar permisos de conducir e outras acreditacións. Todo iso ademais de posibilitar a comunicación directa coa oficina para resolver dúbidas, mentres se avanza tamén no desenvolvemento  da inscrición como demandante de emprego por vía telemática.

Lado aludiu tamén aos caixeiros autoservizo implantados nas 54 oficinas do SPEG para renovar demandas, rexistrar datos ou recoller documentos, contribuíndo a reducir a carga administrativa e a reforzar o labor do persoal técnico, intensificando a orientación laboral personalizada co foco na mellora da empregabilidade e na conexión co tecido empresarial. Uns caixeiros que tamén se implantarán en concellos rurais, para achegar a atención á veciñanza desas contornas.

Atención presencial garantida

Segundo Zeltia Lado, estas e outras melloras complementarán a atención presencial que seguirá plenamente garantida nas 54 oficinas do SPEG, ás que se pode acudir independentemente do lugar de residencia grazas á implantación do distrito autonómico único. Apuntou que non se  atende só con cita previa, senón que todos os días se ofrecen quendas para quen chega sen ela. 

A representante autonómica fixo especial fincapé nos 136 profesionais do equipo de orientación laboral, afirmando que as persoas que recorren a elas e eles se están a colocar no mercado de traballo case tres veces máis cás que non acceden a ningún recurso autonómico. Integrados desde este ano no funcionariado da Xunta e cunha formación permanente, encárganse de analizar os perfís das persoas demandantes, de identificar as súas competencias reais, de deseñar itinerarios personalizados coa formación que precisan a as ofertas ás que poden aspirar e de facer seguimento dese itinerario no tempo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/09/2026