A Xunta apoia a cuarta edición do festival ‘Ultreia et Suseia’ de Sarria, que se celebra do 14 ao 20 de xullo

O delegado territorial, Javier Arias, participou na presentación das actividades, que inclúen espectáculos de narración oral, danza, teatro, música en directo e humor

Sarria (Lugo), 9 de xullo de 2025

A Xunta colabora co festival Ultreia et Suseia de Sarria, que celebra a cuarta edición do 14 ao 20 de xullo. O delegado territorial, Javier Arias, participou hoxe na presentación da cita xunto cos representantes da empresa local Etiqueta Negra -organizadora do evento- e doutras entidades involucradas.

O programa é moi amplo e inclúe espectáculos de narración oral, danza, teatro, música en directo e humor. O cartel está formado integramente por artistas galegos, como Luis Zahaera, que ofrecerá un monólogo o día 18. 

O festival concede especial protagonismo ás asociacións culturais da comarca, que participan activamente nas actividades. Os actos que se ofertan ao longo da semana están pensados para todo tipo de públicos e idades. 

Ademais de propostas que xa tiveron éxito noutras edicións como as Camiñografías  - paseos escénicos pola vila – este ano haberá algunhas novidades, como as primeiras Olimpíadas Rurais. 

Arias gabou a “orixinalidade” deste festival, que valorou como “unha gran oportunidada para exhibir todo o traballo cultural que se fai en Sarria” e promocionar “o talento artístico que temos en Galicia”. 

Tamén suliñou que a Xunta aposta por descentralizar a oferta de actividades culturais e de ocio para que toda a cidadanía poida desfrutar delas. “Para iso o Goberno galego colabora coa programación organizada por entidades de toda a provincia”, ademais de impulsar distintos programas como Cultura no Camiño, que achega unha programación diversa e de calidade a diferentes concellos lucenses.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/07/2025