A Xunta colabora con máis dun cento de entidades sen ánimo de lucro para desenvolver actividades de voluntariado
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dota esta axuda con máis de 126.000€ para poñer en marcha iniciativas de sensibilización, formación e coordinación
A convocatoria inclúe 112 institucións presentes nas catro provincias galegas
Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2026
A Xunta de Galicia colaborará con 112 entidades de acción voluntaria no desenvolvemento de iniciativas vencelladas á sensibilización, a formación e a coordinación. Así se recolle na resolución da subvención dotada con máis de 126.000€ e publicada no Diario Oficial de Galicia.
Do total das institucións incluídas nesta convocatoria, 49 pertencen á provincia da Coruña, 19 á de Lugo, 12 á de Ourense e 32 á de Pontevedra. A través de todas elas, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude apoiará a realización de iniciativas de sensibilización, centradas en difundir a importancia e o valor da participación solidaria de carácter voluntario; de formación, co fin de adaptar e modernizar o labor das entidades, e de coordinación, dirixidas a fomentar o traballo en rede e a coordinación entre as diferentes entidades.
748 proxectos apoiados con máis dun millón de euros
Desde a posta en marcha deste programa no ano 2019, recibiron axudas un total de 748 proxectos impulsados por entidades privadas de voluntariado que promoveron accións de alto impacto social, cun investimento acumulado do Goberno galego que supera o millón de euros.
Este esforzo amosa o compromiso da Xunta coas asociacións, o labor dos voluntarios e os valores de solidariedade, participación e cooperación. Co mantemento deste programa ao longo de oito anos, consolídase a aposta polo voluntariado como clave para a cohesión e transformación social.