A Xunta eleva neste mes de outubro a 27 os obradoiros duais de emprego en marcha na provincia da Coruña con 530 participantes e un investimento de máis de 13 M€

José González pon en valor o obradoiro dual ‘Reserva da Biosfera: Emprego Verde IV’ compartido por Abegondo, Bergondo, Carral, Oza-Cesuras, Paderne e Sada, con 20 participantes en senllas especialidades relacionadas co sector forestal e a construción

Destaca a combinación de traballo efectivo en beneficio da contorna coa formación, que mellorará tanto a cualificación profesional como a inserción laboral do alumnado

No caso do Galicia Suma Talento: Rural Activo, salienta as seis persoas contratadas en Abegondo en labores relativos á prevención de incendios, dentro dos máis de 5 M€ destinados a 82 concellos da provincia a prol da empregabilidade de 283 persoas

En total, ambas iniciativas supoñen na localidade un investimento autonómico de case 600.000 €, que reforzan o compromiso coa colaboración da man das entidades locais

Abegondo (A Coruña), 1 de outubro de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, comprobou hoxe en Abegondo os avances do obradoiro dual Reserva da Biosfera: Emprego Verde IV —levado a cabo por este Concello xunto cos de Bergondo, Carral, Oza-Cesuras, Paderne e Sada— e dos traballos no marco do programa Galicia Suma Talento: Rural Activo, cun investimento autonómico conxunto superior aos 600.000 euros. Alí, destacou que este mes de outubro se acadarán os 27 obradoiros duais en marcha na provincia da Coruña para o período 2026-2027, cun total de 530 persoas participantes e unha achega da Xunta de 13,2 M€.

Acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, e pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, o conselleiro encadrou ambas iniciativas na imprescindible colaboración coas entidades locais. No caso do obradoiro dual, 10 das 20 persoas participantes estanse formando e actuando no campo das repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, e as outras 10 en operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción e de albanelería de fábricas e cubertas. Este segundo grupo é o que os representantes autonómicos viron traballar hoxe, concretamente na rehabilitación da antiga Casa do Lagoeiro de Gueixade.

En Abegondo están previstas outras actuacións no patrimonio e equipamentos municipais, como melloras no local social de Meangos. Na área forestal, avanzarase na xestión da biomasa, acondicionamento de espazos verdes e plantación de especies frondosas, entre outras contornas, no Monte e en Sarandós. A isto hai que engadir as actuacións previstas nos outros concellos implicados.  

O titular de Emprego salientou que o alumnado realiza neste caso un traballo efectivo en eidos de interese público e social, a maiores da formación que recibe, coa que consegue unha cualificación profesional que favorece a súa inserción. A experiencia —que se prolongará nove meses— é posible grazas a unha axuda da Xunta de máis de 483.000 €. Todo no marco dos arredor dun cento de obradoiros duais que se prevé apoiar entre os exercicios de 2026-2027 en toda Galicia, coa previsión de beneficiar unhas 2.000 persoas.

Rural Activo

Canto ao programa Galicia Suma Talento: Rural Activo, o conselleiro viu como están a traballar no eido da prevención de incendios un total de seis persoas en Abegondo, grazas a unha achega autonómica superior aos 110.000 euros. Aproveitou para resaltar que este ano se destinan 20 M€ a esta iniciativa, o maior orzamento ata a data, grazas ao que se apoian case 290 entidades locais para contratar máis de 1.100 persoas a xornada completa durante nove meses. No caso da provincia da Coruña, máis de 5 M€ distribuiranse entre 82 municipios para a contratación dun total de 283 persoas.

Segundo o conselleiro, o obxectivo é, por un lado, favorecer a empregabilidade das persoas participantes e, por outro, reforzar a prevención dos incendios forestais. Para reforzar a eficacia das actuacións, na presente edición incorporáronse novidades como a creación da figura da persoa coordinadora municipal de prevención de incendios con formación específica asociada, destinada aos concellos adheridos ao convenio de colaboración entre a Xunta e Seaga en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/10/2026