A Xunta de Galicia participa na ‘III Xornada xurídica’ organizada polo Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense
Bergondo (A Coruña), 30 de setembro de 2026
A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, participou esta tarde na III Xornada xurídica impulsada polo Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense. Alí, amosou o compromiso do Goberno galego coa colaboración público-privada da man de axentes clave como este colectivo co gallo de dar resposta aos cambios e retos do mercado laboral.
Nesa liña, recordou que o Consello da Xunta do pasado luns aprobou o novo Plan Integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029 que —segundo destacou— pon as persoas no centro e ofrece seguridade tanto aos traballadores como ás empresas. Nesa liña, agradeceu tamén o labor das graduadas e graduados sociais por servir de nexo entre o tecido produtivo, persoas traballadoras e Administracións, salientando os convenios de colaboración vixentes entre o Goberno autonómico e os tres colexios oficiais de Galicia (A Coruña-Ourense, Lugo e Pontevedra) co obxectivo de ofrecer á cidadanía un servizo gratuíto de orientación xurídica-laboral.