Belén do Campo clausura o Programa Integrado de Emprego de Ribeira no que participaron un cento de persoas desempregadas e que contou cun apoio da Xunta de 220.000€
A delegada sinalou a importancia de continuar reforzando este instrumento de apoio ao emprego e anunciou que a Xunta destina máis de 10 millóns de euros aos PIE en 2026-2027, co obxectivo de seguir mellorando a empregabilidade das persoas participantes e ampliar as súas oportunidades de acceso ao mercado laboral
Ribeira (A Coruña), 30 de setembro de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto á alcaldesa de Ribeira, Mariola Sampedro, clausurou hoxe o Programa Integrado de Emprego (PIE) desenvolvido polo Concello de Ribeira, unha iniciativa que contou cunha achega de 220.000 euros por parte da Xunta de Galicia e na que participaron un cento de persoas desempregadas, das cales 25 son mulleres desempregadas, 15 son perceptoras de prestación por desemprego ou RAI, 10 desempregadas de longa duración, 10 persoas inmigrantes, 10 persoas desempregadas de menos de 30 e outras 10 maiores de 52, 9 desempregadas en risco de exclusión e beneficiarias da RISGA, 4 persoas con discapacidade, 4 vítimas de violencia de xénero e 3 desempregadas non incluídas en ningún dos grupos anteriores. Este programa ten na actualidade un compromiso de inserción do 47%
Durante o acto de clausura, a delegada puxo en valor o compromiso deste Concello co emprego xa que tamén contan cun obradoiro de emprego compartido con Porto do Son, que conta cun apoio da Xunta de máis de 546.000 euros, dos que 92.000 reservánse para 20 incentivos á contratación, centrado nos eidos forestal e carpintaría. Ademais tamén recibiron da Xunta outros case 310.000 euros para que 3 entidades deste municipio poidan levar a caso cursos de Accións Formativas para Desempregados. A representante do Goberno autonómico tamén agradeceu a colaboración dos alumnos do CIFP de Coroso ao remate do acto.
Programas integrados de emprego
Na súa intervención a delegada destacou especialmente o papel dos Programas Integrados de Emprego como ferramentas para favorecer a integración sociolaboral das persoas que presentan maiores dificultades de acceso ao mercado laboral. Neste sentido, salientou a colaboración da Xunta cos concellos e coas entidades sen ánimo de lucro para ofrecer itinerarios personalizados que combinan orientación, formación, acompañamento e intermediación laboral.
Ao longo do programa, as persoas participantes tiveron acceso a diferentes accións destinadas a mellorar a súa cualificación e as súas posibilidades de incorporación ao mercado laboral, a través de itinerarios adaptados ás súas necesidades e ás demandas actuais das empresas.
No ámbito formativo, durante o desenvolvemento deste PIE completouse con éxito as 335 horas de formación, comezando o 15 de outubro de 2025, centradas en aplicación de fundamentos básicos en Cociña, operacións básicas de Caixa, uso de recursos dixitais no ámbito laboral, ofimática, aplicación informáticas de xestión , técnicas administrativas e uso de aplicacións móbiles no ámbito laboral.
O programa incluiu tamén formación en organización de almacén, acompañante de transporte escolar e movilización de enfermos.
Belén do Campo destacou que este tipo de programas permiten adaptar a formación ás necesidades actuais do mercado laboral e facilitar novas oportunidades de inserción e mellora profesional para as persoas participantes.
Orientación, formación e contacto co tecido empresarial
Os Programas Integrados de Emprego contemplan actuacións de orientación e asesoramento personalizado, formación, técnicas de motivación, desenvolvemento de habilidades sociolaborais e obradoiros para a preparación de entrevistas de traballo.
Ademais, fomentan o contacto directo co tecido empresarial mediante a prospección de oportunidades de emprego e a posibilidade de realizar prácticas profesionais non laborais.
Cada proxecto conta cun equipo técnico especializado e a convocatoria permite financiar os custos salariais e de Seguridade Social deste persoal, así como os gastos derivados de desprazamentos, materiais, subcontratación de formación e amortización de equipamento formativo e bolsas de asistencia para os alumnos.
Máis de 10 millóns para os PIE en 25-26
A delegada tamén destacou o apoio da Xunta aos Programas Integrados de Emprego na convocatoria 2025-2026. No caso dos concellos, concedéronse 19 axudas en Galicia, cun orzamento de 4 millóns de euros, das que 10 corresponden a concellos da provincia da Coruña, por un importe superior aos 2,1 millóns de euros.
No caso das entidades sen ánimo de lucro, recibiron estas achegas 30 entidades en Galicia, con case 6,3 millóns de euros, das que 15 son da provincia da Coruña, cunha contía superior aos 3,3 millóns de euros.
Na comarca do Barbanza recibiron estas achegas os concellos de Ribeira e Boiro por un importe de 440.000 euros e a entidade Amicos que contou cun PIE grazas a unha achega de 220.000 euros.
Como novidade na última convocatoria, destináronse ademais 2 millóns de euros a plans específicos para persoas maiores de 52 anos, que se suman á reserva doutros 2 millóns destinados ás mulleres, que nos últimos anos representaron arredor do 60 % das persoas participantes.
Pies 2026-2027
No acto de clausura, Belén do Campo puxo en valor os resultados acadados polos PIE nos últimos anos. Segundo destacou, nos últimos cinco anos estes programas permitiron a incorporación ao mercado laboral de máis de 8.000 persoas desempregadas, cunha taxa media de inserción superior ao 47 %.
A delegada sinalou que estes resultados avalan a importancia de continuar reforzando este instrumento de apoio ao emprego e anunciou que a Xunta destina máis de 10 millóns de euros aos PIE en 2026-2027, co obxectivo de seguir mellorando a empregabilidade das persoas participantes e ampliar as súas oportunidades de acceso ao mercado laboral.