O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude asistiu ao primeiro pase da montaxe no Salón Teatro de Santiago, onde se representará ata o domingo
López Campos destaca na súa estrea a “calidade e a proxección exterior” da nova coprodución do Centro Dramático Galego
A peza, creada a partir do clásico de Chéjov, reúne entidades teatrais de diferentes países e iniciará un percorrido por escenarios de Europa e América
O representante da Xunta agarda “que se repita o éxito da tempada pasada asinando de novo unha programación histórica da compañía pública”
Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu hoxe no Salón Teatro de Santiago á estrea de A gaivota, ensaio aberto, a nova coprodución do Centro Dramático Galego coa que, destacou, “impulsamos a proxección exterior da nosa escena ao apostar por este proxecto de colaboración internacional”.
O representante da Xunta de Galicia fixo así referencia a que esta peza, creada a partir do clásico de Antón Chéjov e enmarcada nas actividades do Xacobeo 2027, “reúne entidades teatrais de diferentes países iniciando hoxe aquí un percorrido que, tras Galicia, a levará por Europa e América”. Neste senso, puxo en valor “a calidade” da coprodución da compañía pública galega coa que, apuntou, “agardo que se repita o grande éxito colleitado na anterior tempada e que volvamos asinar unha programación histórica para o noso teatro”.
Con dramaturxia e dirección de Santiago Cortegoso e Neto Portela e concepción artística de Fran Núñez, a montaxe que hoxe se estreou aborda o teatro, a memoria e o paso do tempo desde a experiencia das mulleres cun elenco integrado por Déborah Vukušić, no papel da Moza; Mercedes Castro, como Arkádina; e Uxía Suevos, como Nina. Trátase dunha proposta que revisita o texto de Chéjov por primeira vez en galego mesturando fragmentos do orixinal coas vivencias reais das intérpretes para reflexionar sobre o oficio teatral e as mulleres na creación.
A súa realización é froito dunha colaboración internacional liderada polo Centro Dramático Galego coa implicación do Complejo Teatral de Buenos Aires - Teatro San Martín, Teatro El Galpón de Montevideo e INAE do Uruguai, Teatro Nacional Kven de Noruega, Teatro Nacional de Bautzen de Alemaña, Colectivo 84, Cena Lusófona, Cía Bonifrates e Centro Dramático de Évora de Portugal, Raiz di Polón de Cabo Verde, Institut Valencià de Cultura, Tornedalsteatern de Suecia e a produtora galega Crémilo, entre outras entidades escénicas.
A montaxe poderá verse no Salón Teatro do 2 ao 4 de outubro. Posteriormente, viaxará a Montevideo, do 11 ao 15, e a Bos Aires, do 23 ao 25 deste mes. A xira inclúe tamén Romanía, Serbia, Portugal, Italia, Alemaña, Noruega, Suecia. Xa en España, estará en Valencia e contará de novo con funcións en Galicia entre febreiro e marzo de 2027.