O conselleiro de Sanidade respondeu esta tarde unha pregunta parlamentaria no Pleno da Cámara galega sobre a planificación da atención sanitaria na comarca do Salnés neste verán
Gómez Caamaño salienta o reforzo estival da asistencia sanitaria no Salnés con ata 17 profesionais e unha ambulancia adicional
Explica que a Xunta apuntalará a asistencia sanitaria en concellos como Vilagarcía de Arousa e Cambados durante as súas festividades máis sinaladas
Remarca que os Puntos de Atención Continuada e os centros de atención primaria do Grove e Sanxenxo ven ampliados o seus cadros de persoal durante o período estival
O Plan de cobertura asistencial deseñado polo Executivo galego conta cun orzamento de máis de 12 millóns de euros
Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, detallou esta tarde no Parlamento de Galicia a planificación asistencial que a Xunta elaborou para a comarca do Salnés durante o verán, onde os seus centros de atención primaria se verán reforzados con ata 17 profesionais e unha ambulancia adicional.
Segundo explicou, o Servizo Galego de Saúde reforzará os cadros de persoal nos PAC de Vilagarcía de Arousa e de Cambados nos días nos que se celebrarán as súas festividades máis sinaladas, como é o caso do Atlantic Fest, a Festa da Auga ou a Festa do Albariño.
Gómez Caamaño remarcou que nos concellos onde se produce un maior incremento da poboación por mor do turismo, como é o caso dos concellos do Grove ou o de Sanxenxo, os seus Puntos de Atención Continuada e os centros de saúde tamén se verán reforzados durante o verán con máis persoal médico, de enfermería e de servizos xerais.
Durante a súa intervención, precisou que o incremento de recursos na área do Salnés non se cinguirá soamente á incorporación de máis persoal, senón que tamén levará aparellado outros recursos asistenciais, como o reforzo do transporte sanitario urxente coa incorporación dunha ambulancia adicional.
“Estes reforzos responden a unha planificación rigorosa” subliñou o titular da carteira sanitaria da Xunta, ao tempo que puxo en valor o importante orzamento que o Executivo destinará a garantir a atención sanitaria durante o período estival en toda a comunidade galega.
“O Plan de verán está dotado con máis de 12 millóns de euros para blindar unha cobertura sanitaria axeitada en toda Galicia”, incidiu Gómez Caamaño.
O Goberno galego consignou unha partida de 8,8 millóns de euros destinada á contratación de substitucións e reforzos sanitarios nas zonas que se precise, ademais de 3,2 millóns para a posta en marcha diferentes programas de dispoñibilidade de médicos, unha oferta de mobilidade temporal ou unha nova encomenda MIR para que o persoal residente de último ano poida reforzar os centros de saúde no verán.
“Na Consellería de Sanidade anticipámonos, planificamos e actuamos para que a asistencia sanitaria estea garantida en toda Galicia”, concluíu o conselleiro.