O conselleiro de Sanidade, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, o director do Plan Xacobeo e o xerente da área sanitaria, visitou o punto de atención ao peregrino que xestiona de Cruz Vermella en Portomarín
A Consellería de Sanidade e Cruz Vermella colaboran con asistencia básica e curas aos peregrinos a través dun punto de atención en Portomarín
Os voluntarios realizan valoración e tratamento de feridas superficiais, rozaduras e bochas, aplicando os primeiros coidados ante a fatiga e o sobreesforzo, derivando aos peregrinos aos centros sanitarios do Sergas Saúde só cando é necesario
O local, cedido polo Concello e emprazado nun lugar estratéxico e ben sinalizado, permanece aberto pola tarde todos os días da semana durante o verán, coincidindo cos momentos de maior afluencia de camiñantes
As atencións realízanse nun espazo especificamente acondicionado para dar unha resposta rápida e eficaz ás demandas máis frecuentes
A existencia deste punto de Cruz Vermella representa un apoio para o centro de saúde e favorece o uso racional dos recursos sanitarios
Antes da visita ao punto de atención ao peregrino, o conselleiro mantivo un encontro de traballo co alcalde, a quen lle trasladou o compromiso da Xunta para ofrecerlle á veciñanza de Portomarín a mellor atención médica, tamén no verán
Portomarín (Lugo), 10 de xullo de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe a colaboración entre o seu departamento e Cruz Vermella, prestando atención básica e curas aos peregrinos a través dun punto de atención no concello de Portomarín.
O titular da carteira sanitaria do Executivo galego, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o director de xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa, e o xerente da área sanitaria, Ramón Ares, visitou na mañá de hoxe este punto de atención que presta atención aos camiñantes que van cara a Compostela.
Tal e como indicou o conselleiro, o persoal voluntario de Cruz Vermella realiza valoración e tratamento de feridas superficiais, rozaduras e bochas, aplicando os primeiros coidados ante a fatiga e o sobreesforzo, derivando aos peregrinos aos centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde só cando é necesario.
Este local, cedido polo Concello e emprazado nun lugar estratéxico e ben sinalizado, permanece aberto todos os días da semana durante o verán pola tarde, coincidindo cos momentos de maior afluencia de camiñantes que rematan a etapa.
Gómez Caamaño resaltou que as atencións realízanse nun espazo especificamente acondicionado para dar unha resposta rápida e eficaz ás demandas máis frecuentes, sendo a maioría delas importantes para evitar complicacións maiores e, deste xeito, axudar a rematar o camiño de forma máis segura.
Tal e como destacou o conselleiro, con estas actuacións evítanse visitas innecesarias ao centro de saúde do concello, xa que na inmensa maioría dos casos trátase de problemas menores que se poden resolver cunha atención mínima.
Por tanto -incidiu o conselleiro- ao tratarse Portomarín dunha das vilas con máis tránsito de peregrinos, a existencia deste punto de Cruz Vermella representa un alivio moi importante para o centro de saúde e favorece o uso racional dos recursos sanitarios.
Esta colaboración entre Cruz Vermella e Sanidade é unha peza máis coa que conta o departamento sanitario galego para reforzar a atención durante o verán. A tal efecto, Gómez Caamaño agradeceu aos voluntarios que desenvolven este labor e garantiu que seguirá a impulsar este modelo de cooperación co obxectivo de fortalecer a calidade dos servizos prestados e o acompañamento ás persoas na ruta Xacobea.
Reunión co alcalde
Previamente á visita ao punto de atención ao peregrino, o conselleiro mantivo un encontro de traballo co alcalde para abordar asuntos relacionados coa atención sanitaria do municipio, nunha reunión á que tamén asistiu o delegado territorial da Xunta e o xerente da área sanitaria.
Na xuntanza o conselleiro reiterou o seu compromiso de continuar a ofrecerlle á veciñanza de Portomarín a mellor atención médica, tamén no verán, a pesar da falta de facultativos, sobre todo das especialidades de medicina de familia e pediatría.
Gómez Caamaño puxo en valor o gran esforzo de xestión da Xunta que permite que todos os días haxa asistencia médica neste municipio grazas ao esforzo doutros profesionais. O Servizo Galego de Saúde tamén procura que haxa a máxima continuidade nas coberturas co fin de que sexan sempre os mesmos médicos os que atendan aos veciños.
Na reunión, o conselleiro trasladoulle ao alcalde o obxectivo da Xunta de traballar para garantir a mellor asistencia médica todos os días coa máxima estabilidade, e incidiu na necesidade de seguir reclamando ao Ministerio de Sanidade a adopción das medidas urxentes que a Xunta lle está a pedir desde hai tempo para facer posible que as comunidades poidan dispoñer de máis médicos de atención primaria.