A Xunta reforza os vínculos da mocidade galega do exterior coa súa orixe a través das artes escénicas

O Grove (Pontevedra), 9 de xullo de 2025

A antiga salgadeira de Punta Moreiras, no Grove, acolleu un pase especial da obra Costa da Morte, cartografía dun naufraxio, dirixido ao alumnado participante no programa Escolas Abertas. A obra, unha coprodución do Centro Dramático Galego interpretada por Mariña Lestón, ofreceu unha posta en escena íntima e conmovedora, baseada en historias reais de naufraxios, salvamentos e tradición oral da Costa da Morte. A través do teatro e da música, os asistentes tiveron a oportunidade de conectar co patrimonio inmaterial galego desde unha perspectiva artística e emocional.

O acto contou coa presenza do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, quen salientou a relevancia de iniciativas coma esta para fortalecer o vínculo emocional, cultural e identitario da mocidade galega do exterior coa súa terra de orixe. Tamén participou na actividade o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, quen puxo en valor a colaboración institucional como ferramenta para levar as artes escénicas a espazos singulares e a públicos diversos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/07/2025