A Xunta e a Universidade de Santiago asinan un convenio para a cesión das dependencias do Monte da Condesa e consolidar Galicia como centro de producción terapias avanzadas

O acordo establece que o departamento sanitario da Xunta poderá facer usos destas instalacións durante os vindeiros 20 anos 

O Centro de Terapias Avanzadas fai de Galicia un referente na produción de medicamentos de terapia celular

As terapias con células CAR-T modifican xeneticamente as células inmunes dos pacientes para que poidan combater as células tumorais

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2025

A Consellería de Sanidade e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) veñen de asinar un novo acordo de colaboración polo que a institución académica cede durante 20 anos máis ao departamento sanitario da Xunta as dependencias do Monte da Condesa nas que se empraza o Centro de Terapias Avanzadas de Galicia.

O acordo establece que a Administración sanitaria poderá facer usos destas instalacións durante dúas décadas máis. Así, esta nova cesión suporá un salto cualitativo na consolidación e posicionamento de Galicia como referente na produción de medicamentos de terapia celular avanzada. 

As instalacións contan cunha superficie de máis de 1.000 m² e nelas xa traballa un equipo de profesionais do máximo nivel para achegar aos pacientes galegos os tratamentos máis avanzados fronte ao cancro. 

As terapias avanzadas con células CAR-T, tamén coñecidas como terapias de linfocitos, consisten en modificar xeneticamente as células inmunes dos pacientes para que poidan combater as células tumorais. Trátase de medicamentos de alto impacto clínico e asistencial que, nalgúns casos, acadan unhas taxas de resposta do 80 %.

Na actualidade, o Centro de Terapias Avanzadas continúa a súa actividade en probas á espera de obter a autorización da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios.

Así, esta iniciativa representa unha das grandes apostas da Xunta, na que xa  investiu máis de tres millóns de euros para a dotación de recursos humanos, técnicos e tecnolóxicos de primeiro nivel. 

A comunidade galega é un referente tanto na produción como na investigación destes tratamentos de tipo oncolóxico; unha realidade na que a colaboración de todas as entidades implicadas: Xunta, universidades e institutos de investigación sanitaria, situará Galicia á vangarda neste ámbito sanitario.

Data de actualización: 12/07/2025