O presidente da Xunta de Galicia asiste á inauguración da nova sede territorial da entidade bancaria en Santiago de Compostela
Rueda salienta o valor da colaboración entre institucións e empresas como o Banco Santander para construír unha Galicia máis moderna, competitiva e cohesionada
Reivindica que os bos datos económicos galegos son froito da estabilidade e da confianza que xeran as políticas públicas e a colaboración co tecido empresarial
Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou este martes na inauguración do edificio rehabilitado do Banco Santander en Santiago de Compostela, un inmoble emblemático que, segundo destacou, volve abrir as súas portas convertido nun espazo ao servizo da cidade, dos clientes e da innovación.
Rueda puxo en valor a aposta da entidade financeira por Galicia e a súa capital, nun proxecto que vai máis alá dunha simple reforma arquitectónica. Trátase, sinalou, dunha iniciativa que reforma o papel de Galicia dentro dun proxecto bancario global, cun novo centro que integrará atención ao público, servizos de banca privada e para empresas, e que acollerá un equipo amplo de profesionais.
O titular do Goberno galego recoñeceu o compromiso do Banco Santander, segunda entidade con maior presenza na Comunidade, e felicitou ao seu equipo pola visión e polo resultado dunha intervención que permite recuperar para Santiago un edificio que forma parte da súa identidade urbana e económica. Subliñou tamén que o novo espazo é, en si mesmo, unha crónica da evolución da cidade, coa súa combinación de estilos arquitectónicos singulares.
O xefe do Executivo autonómico salientou os máis de 100 anos de presenza do Santander en Galicia, acompañando ás familias, ás empresas e ao conxunto do tecido produtivo con servizos adaptados aos novos tempos, sen deixar a ninguén atrás. Un modelo que, afirmou, encaixa na filosofía da Xunta, que traballa para reforzar a colaboración público-privada ao servizo da seguridade, da igualdade de oportunidades e da mellora do benestar dos galegos.
Rueda lembrou que esta cooperación dá xa resultados medibles: Galicia é a Comunidade cun maior crecemento do PIB desde a pandemia (+11,2 puntos fronte ao 8 estatal), rexistrando máis de 2.400 sociedades creadas no que vai de ano, cun récord histórico de ocupación que supera o 1,1 millóns de traballadores. Tamén destacou o peso exportador da Comunidade (que representa o 8,1% do total do Estado) e o forte incremento do investimento estranxeiro, que se multiplicou por 3,5 no primeiro trimestre.
O presidente atribuíu estes datos á confianza que xera o modelo de estabilidade política, financeira e orzamentaria que caracteriza a Galicia, un modelo que foi mesmo recoñecido polo Banco de España, ao destacar que é a Comunidade Autónoma cun menor aumento da débeda desde 2008.