O Servizo Galego de Saúde publica o modelo definitivo de respostas dos exercicios da fase de oposición para o ingreso en sete categorías de persoal estatutario

O Diario Oficial de Galicia recolle tamén a publicación das puntuacións provisionais das categorías de persoal sanitario de formación profesional e persoal de xestión e servizos

Máis de 1.000 aspirantes superaron a fase de oposición dos exercicios realizados o pasado mes de maio

En total ofértanse 236 prazas

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2025

O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a resolución do Servizo Galego de Saúde que anuncia a publicación na súa páxina web do modelo definitivo de respostas dos distintos exercicios e as puntuacións provisionais da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso en sete categorías de persoal sanitario non facultativo e de xestión e servizos. 

Nestes procesos selectivos ofértanse 236 prazas. Delas, 158 corresponden a diversas categorías de persoal sanitario de formación profesional, en concreto, 8 á de técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía, 16 de técnico superior en dietética, 13 de técnico superior en documentación sanitaria e 121 de técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico. 

Nas categorías de persoal de xestión e servizos ofértanse 78 prazas, das cales 9 corresponden á categoría do grupo técnico da función administrativa, 26 ao grupo de xestión da función administrativa e, para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, 43 ao grupo auxiliar da función administrativa. 

Nas categorías de grupo de xestión da función administrativa, técnico superior en dietética e técnico superior en documentación sanitaria, resérvase unha praza en cada unha delas á quenda de discapacidade xeral. No caso de técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico, resérvanse 6 prazas.

Presentáronse aos exercicios da fase de oposición 3.024 persoas, das cales aprobaron 1.010 persoas, o que supón unha porcentaxe de aprobadas do 33,39 %. 

O modelo definitivo de respostas, con indicación das preguntas anuladas e o seu motivo de anulación, así como as puntuacións provisionais obtidas polos aspirantes que se presentaron aos distintos exercicios da fase de oposición atópanse publicadas, á disposición dos interesados, na páxina web do Servizo Galego de Saúde. 

A resolución abre un prazo de cinco días hábiles, contados a partir do día seguinte á publicación (é dicir, do 17 ao 23 de xullo), para que os interesados poidan presentar reclamación ante o respectivo tribunal de selección, unicamente de existiren erros na confección aritmética da puntuación obtida. 

Está dispoñible un enderezo de correo electrónico no que os aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións.

Unha vez rematado o prazo de reclamación previsto na resolución, publicaranse no Diario Oficial de Galicia as puntuacións definitivas dos distintos exercicios e o acordo de finalización da fase de oposición.

Data de actualización: 16/07/2025