A entidade de conservación do parque empresarial de Morás adxudica o mantemento do alumeado público e das zonas verdes por máis de 116.000 euros

Os servizos inclúen, entre outras actuacións, revisións preventivas semanais, corrección de incidentes e reparación de avarías no polígono industrial

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2025

A Entidade Urbanística de Conservación (EUC) do parque empresarial de Morás (Arteixo) acaba de adxudicar dous contratos por importe total de 115.981 euros (máis IVE) para o mantemento e conservación de zonas verdes e espazos libres e da rede de alumeado público e outras infraestruturas do polígono coruñés.

Por unha banda, a xunta directiva da EUC Arteixo acordou adxudicar o contrato do servizo de mantemento e conservación de zonas verdes e espazos libres á UTE formada pola Construtora San José e El Ejidillo Viveros Integrales, por un importe de 65.983,18€ (máis IVE), cun prazo de execución dun ano, prorrogable ata un máximo de catro.

A través deste contrato realizaranse tarefas de sega de glorietas e rúas, limpeza e poda de arbustos nas cunetas verdes, das sendas e camiños, ademais dos espazos libres (zonas de vexetación como lugares de paseo ou outras zonas de menor tránsito) e xardineiras.

Por outro lado, adxudicou o servizo de mantemento da rede de alumeado público e outras infraestruturas do parque a Construcciones e Instalaciones Orfa por 49.998,00€ (máis IVE), e un prazo de execución dun ano, prorrogable ata un máximo tamén de catro.

Neste caso, o servizo consistirá no mantemento e conservación da iluminación exterior e outras infraestruturas do parque, como son os traballos de mantemento preventivo como inspección visual semanal, verificacións nocturnas, conservación de centros de mando, puntos de luz, así como corrección de incidentes e avarías de calquera índole.

A Entidade Urbanística de Conservación (EUC) do parque empresarial de Morás, constituída no ano 2022, está integrada pola Xunta, a través de Xestión do Solo de Galicia – Xestur, o Concello de Arteixo e os propietarios de bens inmobles no ámbito do parque empresarial. Abrangue a totalidade da área do polígono industrial de Morás e ten por finalidade o mantemento das obras de urbanización e das dotacións e redes de infraestruturas, os espazos axardinados da rede viaria, mobiliario urbano, alumeado público e espazos libres.

Data de actualización: 16/07/2025