A Xunta avanza nas obras da estación intermodal da Coruña coa previsión de finalizar os traballos este ano
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou as actuacións levadas a cabo na parte da obra correspondente ao Goberno galego na estación de autobuses, no aparcadoiro e en elementos comúns como o edificio de realoxos
Esta parte conta cunha superficie de 29.600 metros cadrados, con 20 dársenas de operación e 23 de regulación na estación de autobuses e 566 prazas no aparcadoiro
A Xunta inviste 20,6M€ nesta infraestrutura, no marco dun convenio con Adif e o Concello cun orzamento total de 45M€
A Coruña, 16 de xullo de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, visitou hoxe as obras da estación intermodal da Coruña que, como explicou, “avanzan a bo ritmo” e “estarán rematadas a finais de ano”. A Xunta achega 20,6 millóns de euros no marco dun investimento total de 45 millóns no que se inclúen outras actuacións levadas a cabo por Adif e o Concello. Esta infraestrutura enmarcase no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea, a través dos fondos Next Generation EU.
Así, a Xunta está a acometer as obras da nova estación de autobuses, ademais de executar o aparcadoiro de vehículos e os elementos comúns entre a estación de autobuses e a estación ferroviaria, cuxa remodelación lle corresponde a Adif. Canto aos accesos nas avenidas da Sardiñeira e do Ferrocarril serán executados e financiados polo Concello da Coruña.
En concreto, na estación de autobuses estanse a finalizar os traballos da rampla de acceso ás dársenas da Avenida da Sardiñeira e no edificio da terminal xa está instalada a fachada interior e a cuberta exterior do panel sándwich, de maneira que se empezará en breve a colocar o muro cortina e os acabados de pavimentos e parámetros verticais. Canto á zona de dársenas estase a rematar a montaxe da estrutura tridimensional da cuberta e iniciarase a instalación da súa envolvente. Diego Calvo sinalou que a envolvente da estación de autobuses estará finalizada neste verán e en paralelo traballarase no interior do edificio e noutros acabados.
No que se refire ao edificio da obra de elementos comúns, unha vez rematados os traballos no edificio destinado aos traballadores da estación de ferrocarril púxose a disposición do Adif o pasado xuño.
Canto á parte do aparcadoiro, rematáronse os traballos do muro da Avenida da Sardiñeira, cimentacións, piares e lousa de aparcamento e de dársenas e está en uso o aparcadoiro provisional. Cómpre engadir que actualmente estanse a rematar os traballos no aparcadoiro definitivo no que ten que ver coa nova rampla de acceso dos vehículos e coas instalacións e urbanización co obxectivo de que finalicen estes traballos tamén neste verán.
A obra da estación de autobuses xunto coa de elementos comúns e o aparcadoiro ten unha superficie útil de máis de 29.600 metros cadrados e cun edificio de viaxeiros de 1.800 metros cadrados. A terminal ten dous niveis, un nivel superior ao que se accede desde a avenida da Sardiñeira, onde se localiza a estación de autobuses con 20 dársenas de operación e 23 de regulación, co edificio de viaxeiros e a pasarela peonil que une as dúas estacións e conecta coa Avenida do Ferrocarril. O aparcadoiro está no nivel inferior e terá 566 prazas.
Cómpre lembrar que xunto coa estación intermodal da Coruña, a Xunta destina outros 13,7 millóns á intermodal de Lugo, no marco dun investimento total de 49,3 millóns. Neste proxecto tamén avanzan as obras, de maneira que o aparcamento de 240 prazas prevese que estea listo a finais de este ano e a estación de autobuses a finais do seguinte. O Goberno galego, como incidiu o conselleiro, mantén un compromiso firme coa intermodalidade como demostran as xa inauguradas en Ourense, Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela e instou a Adif a que desbloquee o convenio para poder comezar o proxecto tamén en Ferrol e que non sexa a única cidade sen unha infraestrutura destas características.