A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe os traballos que se realizan en Sarria

A Xunta aborda neste verán os traballos de reforzo de firmes en 57 estradas autonómicas ao seu paso por 68 concellos das catro provincias

En Lugo acaban de comezar estas obras de conservación en catro estradas ao seu paso por Sarria, O Saviñao e Láncara, cun investimento de 2,5M€, e tamén están en marcha os traballos en dúas estradas que descorren por Cospeito, Lugo, Castroverde e Abadín, por 3,6M€

Allegue subliñou o investimento récord da Xunta neste 2025 en materia de conservación e mantemento de estradas,con 68M€ para garantir que os viarios estean nas mellores condicións de seguridade

Con cargo a este orzamento xa se licitaron máis de 43M€ en obras

No outono está previsto o inicio da obra da renovación integral do firme da autovía do Barbanza

A Xunta vén de recibir un total de 120 ofertas para os oito contratos licitados por 184M€ para as tarefas de conservación ordinaria e vialidade invernal nas estradas autonómicas das catro provincias nos vindeiros catro anos

Sarria (Lugo), 17 de xullo de 2025

A Xunta aborda neste verán os traballos de reforzo de firmes nun total de 57 estradas autonómicas ao seu paso por 68 concellos das catro provincias galegas. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, fixo balance destas actuacións de conservación e mantemento na visita ás obras que se están a desenvolver en estradas do concello lucense de Sarria.

En concreto, a Administración autonómica vén de iniciar os traballos de reforzo de firmes en catro estradas (LU-536, LU-533, LU-622 e LU-636), ao seu paso por Sarria, O Saviñao e Láncara, cun investimento de 2,5M€. Actúase para mellorar case 21 quilómetros de viarios, nunha intervención que beneficiará a unha poboación de case 20.000 persoas nestes tres concellos.

Ademais, en Lugo tamén están en marcha na actualidade os traballos en 2 estradas (LU-113 e LU-530) en Cospeito, Lugo, Castroverde e Abadín, por 3,6M€.

Son actuacións que forman parte, como destacou a conselleira, do compromiso da Xunta para manter as estradas autonómicas en condicións de vialidade, limpeza, sinalización e comodidade, a fin de manter a seguridade viaria.

Allegue subliñou que estes traballos abórdanse cunha planificación e coa correspondente dotación de recursos, e destacou que a Xunta inviste este ano o maior orzamento da súa historia en materia de conservación e mantemento, con 68M€. Un orzamento que xa permitiu licitar obras de reforzos de firmes por máis de 43M€. “Unha aposta firme pola seguridade, a conectividade e o desenvolvemento sostible do noso territorio”, destacou a conselleira.

Entre estes traballos de reforzo de firmes, a Xunta acaba de adxudicar as obras para actuar nos viarios AC-419, AC-432, AC-441 e AC-442, que discorren polos concellos de Malpica, Ponteceso, Vimianzo, Camariñas, Santa Comba, Mazaricos, Zas e Dumbría, cun investimento de 2,6M€, e na provincia de Pontevedra comezan hoxe as intervencións noutros catro viarios ao paso polos municipios de Bueu, Cangas, Pontevedra e Ponte Caldelas, por 2,2M€.

En Ourense a Administración autonómica vén de rematar o reforzo de firme nas estradas OU-533, OU-602, OU-603, OU-622, OU-636 e OU-933 que discorren por O Bolo, Petín, Larouco, A Rúa, O Barco, Rubiá, Pobra de Trives, Quiroga (3M€) e ten licitadas por 2,8 M€ as obras de mellora de 13 travesías urbanas na cidade de Ourense, entre elas a renovación integral do treito da OU-413 na subida ao Seminario.

Ademais, en outono comezarán as obras de renovación integral do firme da autovía do Barbanza, licitadas por 11,9€ e para as que a Xunta recibiu 6 ofertas de empresas que está a avaliar. Os traballos desenvolverase nesta AG-11, que discorre por Boiro, Padrón, Dodro, Ribeira, Rianxo e A Pobra do Caramiñal ao longo dos máis de 40km do viario e tamén nos seus enlaces.

Vialidade invernal

Por outra banda, o Goberno galego vén de recibir un total de 120 ofertas para os oito contratos licitados por 184M€ para as tarefas de conservación ordinaria e vialidade invernal nas estradas autonómicas das catro provincias nos vindeiros catro anos. Estes contratos corresponden ás dúas zonas norte e sur no caso das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra, outro para os traballos na provincia de Ourense, que suman 175,3M€, e un contrato adicional para conservación específica de estruturas e obras de paso (8,3M€).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2025