A Xunta impulsa a mellora da eficiencia enerxética en infraestruturas deportivas de Vilalba

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, visitaron o pavillón polideportivo municipal para coñecer as actuacións executadas no marco da convocatoria do 2024 do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local cunha achega de case 60.000 euros

Actuouse principalmente na zona dos vestiarios, co obxectivo de minimizar os consumos enerxéticos tanto de calor como de electricidade

Na visita, anunciaron que no outro pavillón municipal de deportes apoiaranse melloras da eficiencia enerxética por un importe similar, ao ser un dos proxectos beneficiarios na convocatoria deste ano da mesma liña de colaboración

Vilalba (Lugo), 18 de xullo de 2025

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, visitaron as instalacións do pavillón polideportivo municipal de Vilalba para comprobar as melloras de eficiencia enerxéticas realizadas co apoio da Xunta. As obras contaron cunha achega de 60.000 euros do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local (FCL) de 2024, destinado a concellos de menos de 15.000 habitantes e dotado con 5 millóns de euros.

Os traballos centráronse na zona dos vestiarios co obxectivo de minimizar os consumos enerxéticos tanto de calor como de electricidade. Para iso, realizouse a substitución da cuberta e carpintería exterior para mellorar o illamento do edifico, así como o cambio dos termos de auga quente e das luminarias por unha bomba de calor aerotérmica e tecnoloxía led máis eficiente, entre outras melloras estruturais.

Durante a visita, a Xunta tamén anunciou que outra infraestrutura deportiva do concello, isto é, o pavillón municipal de deportes, verase beneficiaria cun apoio doutros case 60.000 euros do Goberno galego para realizar tamén melloras de eficiencia enerxética. Neste caso ao abeiro da mesma liña de colaboración do fondo adicional do FCL pero correspondente á convocatoria deste 2025. As actuacións inclúen a substitución da cuberta na zona de vestiarios para lograr un mellor illamento e a mellora dos sistemas de climatización para optimizar o consumo enerxético e incrementar a comodidade dos usuarios.

Natalia Prieto explicou que a través destas medidas búscase atender as necesidades das localidades de menor poboación, para garantir a mellor calidade na prestación de servizos municipais a toda a poboación galega, con independencia do lugar de residencia. 

As obras realizadas e previstas nos pavillóns de Vilalba a través do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local forman parte das liñas de apoio do Goberno galego para impulsar a descarbonización e a mellora da eficiencia enerxética.

Máis de 700 actuacións en 2024

A directora xeral de Administración Local puxo en valor o compromiso da Xunta cos concellos galegos coa distribución o ano pasado de máis de 32 millóns de euros na execución de case 700 proxectos municipais. Neste montante inclúense precisamente os 93 concellos de menos de 15.000 habitantes beneficiarios o ano pasado cos 5 millóns da liña do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local. A eles súmanse as 107 entidades ás que se lle financiaron proxectos por importe total de 3,5 millóns da Orde de infraestruturas de uso público; as 230 que recibiron achegas do Fondo de Compensación Ambiental, os 20 proxectos de carácter estratéxico financiados con máis de 8,2 millóns de euros ou os 51 concellos de menos de 30.000 habitantes beneficiarios dos 5,2 millóns de euros cofinanciados con fondos Feder para o período 2024-2025.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/07/2025