A Xunta informa favorablemente o novo máster de matemáticas da USC para impartirse no curso 2026-27
Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2025
O Goberno galego vén de informar favorablemente a proposta do novo mestrado de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, que se impartirá no curso 2026-27.
Así llo trasladou esta mañá o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, á vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da Universidade de Santiago de Compostela, Mª José López, e ao decano da Facultade de Matemáticas, Alberto Cabada, nunha xuntanza de traballo na que tamén participou o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez.
O conselleiro agradeceu a disposición da Universidade de traballar conxuntamente para reformular o mestrado de xeito que resulte máis atractivo para os estudantes e avanzar na calidade e na especialización. Subliñou, ademais, que se dá cumprimento ao compromiso expresado pola Xunta no Parlamento de Galicia de seguir ofertando a titulación logo da renovación dos contidos académicos da mesma a través dun plan específico de mellora.
A partir de agora, a Universidade de Santiago iniciará os trámites administrativos establecidos na normativa para solicitar a autorización oficial da oferta do mestrado, e que deberá incluír tamén informe por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e aprobación definitiva por parte do Consello Galego de Universidades.