A Xunta renova a súa colaboración co Descenso Urbano Vila de Sarria, que chega á 12ª edición os días 25 e 26 de xullo

O delegado territorial, Javier Arias, participou hoxe na presentación desta cita organizada polo club de ciclismo DH Galicia, que combina deporte, espectáculo e acción

Sarria (Lugo), 18 de xullo de 2025

A Xunta de Galicia renova a súa colaboración co Descenso Urbano (DHU) Vila de Sarria, que celebra a 12ª edición os días 25 e 26 de xullo impulsado polo club de ciclismo DH Galicia.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación das actividades xunto cos promotores e representantes doutras entidades implicadas. Arias felicitou á organización pola traxectoria desta cita que combina deporte, espectáculo e acción.

“Esta proba estase a consolidar como unha referencia a nivel nacional na súa modalidade, cunha participación crecente e unha ampla repercusión mediática”, destacou o delegado.

O programa inclúe o circuíto de obstáculos polas rúas da localidade e tamén volverá o Mini DHU, no que os máis pequenos poderán demostrar as súas habilidades. Outro dos atractivos será o concurso de saltos e acrobacias Dirt Vila de Sarria.

Os asistentes tamén poderán desfrutar doutras actividades complementarias como concertos e actuacións para todos os públicos, ademais dunha zona gastronómica.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/07/2025