A Xunta colabora coas patronais do Santiago Apóstolo de Castroverde, que se celebran do 23 ao 26 de xullo

Entre as actividades previstas figuran verbenas e concertos os catro días, ademais da visita dunha foodtruck da campaña Galicia Sabe AMAR, que estará no campo da festa o xoves 24 de 11,00 a 16,00 horas

Castroverde (Lugo), 20 de xullo de 2025

A Xunta colabora coa celebración das festas patronais do Santiago Apóstolo de Castroverde, que se celebran do 23 ao 26 de xullo. O delegado territorial, Javier Arias, participou na presentación do programa acompañado de membros da comisión organizadora.

Entre as actividades previstas destacan as actuacións das orquestras Los Satélites – o mércores 23 -; Olympus – o 24 - e El Combo Dominicano – o 25 -, xunto co concerto de Xabier Díaz, que pechará os festexos o día 26. Ao longo dos catro días haberá máis grupos animando a celebración.

Tamén se desprazará a Castroverde unha das foodtrucks da campaña Galicia Sabe AMAR, que estará no campo da festa o xoves 24 de 11,00 a 16,00 horas. No posto ofreceranse degustacións gratuítas de tapas elaboradas con peixe e marisco galego e con alimentos de proximidade. O obxectivo deste programa impulsado pola Consellería do Mar é promocionar o consumo dos produtos do mar de Galicia.

O programa tamén inclúe actividades infantís, foliada e cantos de taberna coa participación das agrupacións Trasdalomba, Toxo Queimado, Os Xílgaros e Ariños do Neira, entre outras propostas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/07/2025