O Diario Oficial de Galicia publica o terceiro programa temporal para a transición xeracional do persoal facultativo das institucións hospitalarias do Servizo Galego de Saúde

Neste terceiro programa ofrécense 78 contratos, 52 para as especialidades que finalizan o período formativo no mes de xullo e 26 para as que rematen en setembro

O Programa temporal para a transición xeracional do persoal facultativo supón un instrumento valioso para reter especialistas e trasladar o coñecemento e habilidades clínicas do persoal que se xubila tras unha longa traxectoria profesional

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2025

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se fai público o terceiro Programa temporal para a transición xeracional do persoal facultativo das institucións hospitalarias do Servizo Galego de Saúde.

A través deste plan, o Executivo galego oferta contratos estables de tres anos de duración destinados ao persoal residente que este ano remata a súa formación sanitaria especializada.

Ao igual que o programa do pasado ano, este de 2025 executarase en dúas fases, mediante dous prazos de presentación de solicitudes. O primeiro e máis inmediato vai dirixido ao persoal que iniciou o seu período formativo no ano 2021 e que está a finalizar neste momento a súa residencia en especialidades cun período formativo de catro anos.

O segundo prazo adíase ao mes de setembro e ten por destinatario o colectivo de residentes que, polo atraso xerado pola pandemia, iniciou en setembro de 2020 a formación nas especialidades de cinco anos de duración.

Este  terceiro plan xa foi presentado na Mesa Sectorial de Sanidade aos representantes das organizacións sindicais.

O Programa temporal para a transición xeracional do persoal facultativo supón un instrumento valioso para reter especialistas e trasladar o coñecemento e habilidades clínicas do persoal que se xubila tras unha longa traxectoria profesional.

Estes contratos de transición xeracional serán compatibles co sistema común de cobertura de vacantes por listas, que seguirá funcionando para cubrir vacantes por xubilación e outras causas.

Neste terceiro programa ofrécense 78 contratos, dos que 52  son para as especialidades que finalizan o período formativo no mes de xullo (7 na área da Coruña e Cee; 7 na de Ferrol, 4  na de Santiago de Compostela e Barbanza; 8 na de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; 8 na de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; 7 na de Pontevedra e O Salnés; e 11 na de Vigo); e outros 26 para as especialidades que finalizan o período formativo en setembro (3 para a Coruña e  Cee; 3 para Ferrol; 5 para Santiago de Compostela e Barbanza; 5 para Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; 6 para Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; 3 para Pontevedra e O Salnés, e 1 para Vigo).

Data de actualización: 21/07/2025