A Xunta acompaña á mocidade galega do exterior no arranque da nova edición da experiencia ‘Conecta con Galicia no Camiño’
O secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, iniciou a xornada cos participantes hospedados na Residencia Florentino López Cuevillas, compartindo os primeiros pasos da Vía da Prata
Máis tarde, trasladouse a Chapela para unirse ao grupo aloxado en Vigo no comezo do Camiño Portugués, nesta ocasión acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses
O programa, realizado en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, está a permitir que mozos e mozas de entre 18 e 21 anos procedentes de sete países poidan percorrer a ruta xacobea ata o 31 de xullo
Vigo, 21 de xullo de 2025
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañou esta mañá aos mozos galegos do exterior participantes no programa Conecta con Galicia no Camiño durante a primeira etapa do percorrido que están a realizar por distintas rutas xacobeas.
En Ourense, Miranda estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e compartiu coa mocidade aloxada na Residencia Xuvenil Florentino López Cuevillas os primeiros pasos da Vía da Prata. Os 42 participantes selaron a súa compostela na Oficina de Turismo da Xunta, dando así inicio simbólico a esta experiencia que lles permite reencontrarse coas súas raíces galegas a través do Camiño de Santiago.
Posteriormente, o secretario xeral trasladouse a Chapela para realizar tamén o primeiro tramo do Camiño Portugués con outro grupo de participantes, neste caso aloxados na Residencia Xuvenil Altamar de Vigo. Nesta ocasión estivo acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses.
O programa Conecta con Galicia no Camiño, organizado pola Secretaría Xeral da Emigración en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, reúne este ano a preto de 100 mozos de entre 18 e 21 anos de ata sete países distintos de América. O obxectivo da iniciativa é fortalecer os vínculos coa terra de orixe a través dunha experiencia vital, cultural e identitaria como é o Camiño de Santiago.
A cifra de participantes no programa está incluída nas 11.630 prazas que a Xunta ofrece na súa programación estival deste 2025, sendo a maior oferta da súa historia, e que abrangue tamén campamentos, os minicampamentos Coñece Galicia, actividades para maiores de 18 anos ou a posta a disposición das instalacións xuvenís xestionadas pola Administración autonómica para o seu uso.
Durante os vindeiros días, os participantes realizarán un tramo de máis de 100 km a pé, complementando a súa estadía con actividades culturais e de coñecemento da realidade socioeconómica e educativa da Galicia actual.