A Xunta dedica máis de 1,3 M€ a ofrecer aos profesionais da Sanidade Pública o apoio da intelixencia artificial axilizar a elaboración de informes e desburocratizar o seu traballo

O presidente destaca que a Xunta probará, coas suxestións dos profesionais, solucións con IA xenerativa para ofrecer apoio aos traballadores á hora de codificar episodios de ingreso e elaborar informes de altas con propostas para validar ou retirar

Tamén axudará a avaliar o estado do paciente en relación con protocolos e guías de práctica clínica e emitirá alertas ou recomendacións cando sexa necesario que o médico realice algunha acción

Sinala que permitirá consultas personalizadas sobre a historia clínica para obter información precisa de forma máis rápida

Axudará os pacientes a responder consultas como a duración do tratamento ou a forma específica de tomar unha pastilla segundo as indicacións establecidas polo persoal sanitario

Poderá resumir informes médicos cunha interpretación en linguaxe comprensible para a cidadanía

As solucións dixitais de maior eficiencia levaranse á practica ao longo do segundo semestre de 2026

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a Xunta avanza nas solucións dixitais para mellorar a eficiencia dos recursos sanitarios e destinará 1.305.328,64 euros á contratación do servizo para deseñar distintas solucións, a través da intelixencia artificial xenerativa e coas achegas dos profesionais da sanidade pública, que contribúan á desburocratización do traballo do persoal do Servizo Galego de Saúde.  

O Consello da Xunta coñeceu hoxe o informe da Consellería de Sanidade sobre a próxima contratación de servizos de apoio ao diagnóstico mediante algoritmos e a plataforma de intelixencia artificial xenerativa de apoio á toma de decisión.

O titular do Goberno galego sinalou que a Xunta traballa para que os profesionais sanitarios teñan “máis tempo para atender aos seus pacientes” e que a intelixencia artificial lle sirva ao persoal sanitario para codificar episodios de ingreso e elaborar informes de altas. O sistema captará información a partir de informes de urxencias, curso clínico médico e de enfermería do episodio de ingreso, informes de radiodiagnóstico ou datos de laboratorio que devolverá como proposta de codificación para a súa validación. 

No caso de informes de alta, Rueda apuntou a que ofrecerá unha proposta con terminoloxía homoxeneizada e cun informe estruturado no que o profesional sanitario encargado da súa validación poderá introducir cambios e seleccionar as propostas que desexa manter ou retirar.

Ademais, servirá de apoio ao profesional para estruturar a información coas etiquetas da historia clínica do Servizo Galego de Saúde. Cando un facultativo escriba texto con anotacións ou un informe do paciente, a intelixencia artificial analizará o texto para identificar se se corresponde con variables clínicas, problemas de saúde, procedementos ou síntomas. A continuación, devolverá a información para que o profesional poida seleccionar os datos que desexa manter para o seu rexistro acorde coa última versión da historia clínica electrónica IANUS5.

Disporá dun sistema de axuda sobre a base de protocolos ou guías clínicas. Desta forma, tal e como sinalou o presidente, axudará a avaliar o estado do paciente e emitirá alertas ou recomendacións cando sexa necesario que o facultativo realice algunha acción, segundo a análise automática de protocolos e guías de práctica clínica en formato dixital. 

Entre outras facilidades, permitirá realizar consultas personalizadas sobre a historia clínica dun paciente para obter información precisa de forma máis áxil. O sistema permitirá elaborar un perfil dun paciente, alimentándose do seu historial e de fontes con evidencia científica. Os profesionais, por exemplo, poderán solicitar informe do último cateterismo que lle foi realizado ou calcular a gravidade da enfermidade en pacientes críticos con base en escalas clínicas estandarizadas. 

O presidente salientou que este sistema tamén terá beneficios para os pacientes. O Servizo Galego de Saúde ofrecerá, a través da intelixencia artificial, axuda para resolver dúbidas do ámbito farmacolóxico. O sistema accederá á información do tratamento activo do paciente para, axustándose ás indicacións establecidas polos clínicos, responder preguntas como ata cando tomar un medicamento, cada cantas horas se debe tomar, se se debe partir a pastilla ou se se teñen síntomas como visión borrosa e estes síntomas poderían deberse ao tratamento en cuestión. 

Outra das solucións que achegará será resumir a historia clínica do paciente. Traducirá un informe clínico a unha interpretación en linguaxe “sinxela e comprensible” para a cidadanía. No caso dos profesionais, xerará un formato de informe estruturado da situación do paciente con base na revisión de analíticas, cursos clínicos, antecedentes ou alerxias. Desta forma, axilízase a verificación por parte do profesional.

Todas estas solucións deseñadas serán avaliadas e levaranse á practica aquelas que destaquen pola súa eficiencia. Teñen como obxectivo reducir labor burocrático dos profesionais do Servizo Galego de Saúde e mellorar a calidade do servizo á cidadanía por medio da automatización e a optimización de procesos clínicos e administrativos. 

A previsión da Consellería de Sanidade é que as primeiras solucións estean en uso ao longo do segundo semestre de 2026.

Este proxecto está financiado pola Unión Europea, a través do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/07/2025