A Xunta financia con máis de 175.000 euros os programas de conciliación familiar do Condado-Paradanta
O delegado territorial visitou os programas de conciliación de Mondariz e As Neves e agradeceu o traballo de todos os involucrados
A Xunta inviste máis de 1,2 millóns nos programas de conciliación de 43 concellos da provincia de Pontevedra
Mondariz, 21 de xullo de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá os programas de conciliación dos concellos de Mondariz e As Neves, que están financiados pola Xunta con 28.000 € e 40.000 €, respectivamente, do Plan Corresponsables, cofinanciado co Ministerio de Igualdade.
Trátase dunha aposta da Xunta coa que se pretende crear un espazo de xogo, diversión e aprendizaxe para os nenos e nenas galegas, á vez que se facilita a conciliación familiar durante as vacacións escolares.
Neste sentido, a consellería inviste máis de 1,2 millóns de euros nos programas de conciliación da provincia, dos cales, máis de 175.000 corresponden aos concellos do Condado-Paradanta. Entre os concellos beneficiados por estas axudas atópase, ademais dos visitados esta mañá polo delegado, Ponteareas; A Cañiza; Arbo; Covelo; e Mondariz-Balneario.
En total, son 43 os concellos da provincia de Pontevedra que se benefician destas axudas e que dan servizo a millares de familias. O delegado territorial aproveitou a ocasión para agradecer o traballo de todos os “profesionais que se esforzan por organizar un verán inesquecible para todos os participantes” e lembrou que, “máis alá da importancia destas actividades para facilitar a conciliación familiar, non debemos esquecer que os verdadeiros protagonistas son os nenos e nenas, que merecen un descanso despois de un curso cheo de esforzo e aprendizaxe”.