A Xunta inviste preto de 280.000 euros en mercar tres sistemas avanzados de visualización e tratamento endoscópico para cirurxía minimamente invasiva
O equipamento destínase a cirurxía torácica, a otorrinolaringoloxía e cirurxía xeral e outras especialidades na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza
A incorporación destes equipos optimizará a actividade cirúrxica, permitindo reducir o número de operacións con cirurxía aberta, estandarizar a tecnoloxía nos quirófanos e mellorar o seguimento das imaxes clínicas
Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2025
A Xunta, por medio da Consellería de Sanidade, publicou no Portal de Contratos Públicos a licitación, por importe de 278.300 euros, do subministro e instalación de tres sistemas avanzados de visualización e tratamento endoscópico para cirurxía minimamente invasiva destinados á área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza.
O prazo de presentación de ofertas para as empresas interesadas rematará o 18 de agosto.
O equipamento que se merca é un sistema avanzado de visualización e tratamento endoscópico para cirurxía torácica, outro para otorrinolaringoloxía e un terceiro para cirurxía xeral e outras especialidades.
A cirurxía minimamente invasiva converteuse nun estándar en múltiples especialidades cirúrxicas, proporcionando beneficios como un menor trauma, recuperación máis rápida e redución de complicacións posoperatorias.
Para manter estes estándares asistenciais é imprescindible dotar a area sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza de sistemas avanzados de visualización e tratamento endoscópico con tecnoloxía de última xeración.
A nova tecnoloxía permitirá mellorar a precisión na identificación de estruturas anatómicas mediante imaxe en 4K UHD, reducindo a fatiga visual do cirurxián e mellorando a seguridade intraoperatoria con sistemas optimizados de insuflación, aspiración e irrigación.
Dende o punto de vista asistencial, a incorporación destes equipos optimizará a actividade cirúrxica, permitindo reducir o número de operacións con cirurxía aberta, estandarizar a tecnoloxía nos quirófanos e mellorar o seguimento das imaxes clínica.
A adquisición conxunta destes equipos responde á necesidade de homoxeneidade tecnolóxica garantindo a compatibilidade entre os seus compoñentes e unha operatividade eficiente dentro dos bloques cirúrxicos da área sanitaria.
Os sistemas comparten elementos clave, como procesadores de imaxe e integración coas plataformas hospitalarias de xestión de pacientes, que permiten a súa visualización dende os sistemas de historia clínica e o seu acceso por parte do usuario final a través do portal do paciente Esaúde e a app SergasMobil.