A campaña de verán de doazón de sangue chega ata a Pobra do Caramiñal

ADOS destaca que o municipio acadou as 401 doazóns de sangue en 2024, cunha taxa de 44 doazóns por cada 1000 habitante e ano

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2025

A campaña estival “Non esquezas doar antes de veranear” desenvolvida pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), chega ata o concello da Pobra do Caramiñal para recoller a solidariedade da súa veciñanza.

Para facilitar a participación dos doantes, a unidade móbil de ADOS estará emprazada no carril de servizo, arredor da Praza Maior, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas. Como mostra de agradecemento, as persoas que se acheguen a doar recibirán un agasallo especial para este verán.

Desde ADOS sinalan que neste período e necesario unha maior sensibilización da cidadanía para que participe nas campañas de doazón, posto que a demanda de hemoderivados non decae durante o verán.

A actual campaña que desenvolve ADOS pretende acadar as 27.000 doazóns que precisan os hospitais galegos nestes meses, e para iso, percorre diariamente a xeografía galega para chegar aos 220 concellos previstos no período estival.

Colaboración do concello

A localidade da Pobra do Caramiñal, acadou as 401 doazóns de sangue en 2024, cunha taxa de 44 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, o que supón cinco puntos por riba da media galega (39/1000). Deste xeito, ADOS quere amosar o seu agradecemento pola colaboración do concello da Pobra do Caramiñal, e especialmente pola súa axuda e apoio no desenvolvemento desta campaña estival, co fin de garantir o subministro de sangue aos nosos hospitais

A campaña estival, que arrincou o pasado 13 de xuño e que se estenderá ata o 15 de setembro, está levando a cabo un intenso labor informativo, en colaboración cos concellos que achegan información sobre a doazón de sangue a todos os veciños e veciñas e ao todo o tecido asociativo de cada municipio.

Participación na doazón

Grazas a colaboración de toda a sociedade galega, case 31.000 pacientes recibiron unha transfusión dun compoñente sanguíneo no pasado ano, e ADOS agradece a súa participación as persoas que doan sangue.

Sen a colaboración altruísta de milleiros de doantes de sangue cada ano, sería imposible realizar intervencións cirúrxicas, transplantes de órganos, transplantes de medula ósea ou axudar a doentes que loitan contra o cancro ou a leucemia.

Calquera persoa entre 18 e 70 anos que pese máis de 50 quilos cunha boa saúde, pode achegarse ás unidades móbiles de ADOS ou aos locais de doazón de sangue nas sete grandes cidades, onde serán atendidos por persoal sanitario especializado.

ADOS lembra que doar sangue é un xesto sinxelo, xeneroso e solidario, e convida a toda a cidadanía, maior de idade e en bo estado de saúde, a participar nesta campaña e dedicar 15 minutos do seu tempo para salvar vidas Doar antes de veranear é garantir que a sangue estará dispoñible cando máis se precisa.

Para máis información esta dispoñible a paxina web de ADOS: www.ados.sergas.gal

Tamén nas redes sociais:

Twitter: @doadoressangue

Facebook: https://www.facebook.com/doadoressangue

Instagram: @doadoressangue

Youtube: https://www.youtube.com/@doadoressangue

E un teléfono gratuíto de información, 900 100 828 para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/07/2025