Martina Aneiros destaca o compromiso da Xunta co fomento do deporte a todos os niveis durante a presentación da LXXI Copa Calleja de tenis
Ferrol, 22 de xullo de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación da LXXI Copa Calleja de tenis, unha competición que se dirimirá do 25 de xullo ao 2 de agosto no Club de Tenis de Ferrol e onde se darán cita xogadores de primeiro nivel.
Na súa intervención, Aneiros destacou o apoio decidido da Xunta de Galicia a este evento deportivo de gran relevancia na nosa cidade, así como o seu compromiso co fomento do deporte a todos os niveis. “Este ano é importante destacar que, xunto coa LXXI Copa Calleja masculina, vaise celebrar a I Copa Calleja feminina, Memorial Mabel García, incorporando a participación e competición das mulleres, nun compromiso claro coa igualdade de xénero. Cremos firmemente que o deporte é unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento persoal e comunitario e eventos como a Copa Calleja son unha oportunidade única para fomentar a práctica deportiva e a convivencia entre os participantes, contribuíndo á promoción dos valores do deporte na nosa comunidade”, indicou a delegada territorial.