María José Gómez destaca o potencial formativo de Galicia na loita contra incendios forestais, que atrae a profesionais europeos
A conselleira do Medio Rural recibiu hoxe a unha vintena de profesionais dos Países Baixos que están a realizar unha estancia formativa no Centro Integral de Loita contra o Lume (CILL) de Toén, enmarcada no Mecanismo Europeo de Protección Civil
A Xunta recibirá outra delegación neerlandesa durante o mes de agosto, así como unha expedición de Estonia, que repite tras a experiencia de 2024, e en setembro unha do País Vasco
A formación impártese no CILL, un espazo creado e deseñado para perfeccionar o adestramento do persoal, co fin de convertelo nun referente tanto na formación como na cooperación internacional para atraer a profesionais de toda Europa
Gómez lembrou que o Goberno autonómico destinará preto de 1,8 millóns de euros á formación e adestramento do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF), o que supón un incremento do 19 % en comparación co bienio anterior
Toén (Ourense), 22 de xullo de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, salientou o potencial e profesionalidade do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF) de Galicia, que é unha referencia para outros profesionais doutras comunidades autónomas e países. Así o acreditan as estadías das diferentes delegacións de bombeiros de estados europeos como Países Baixos ou Estonia, que acoden á nosa comunidade para formarse e compartir experiencias cos galegos do Servizo.
A titular de Medio Rural participou hoxe na recepción desta vintena de profesionais neerlandeses que se están a formar no Centro Integral de Loita contra o Lume (CILL) de do concello ourensán de Toén, nun acto no que estivo acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez; polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e polo alcalde de Toén, Ricardo González.
Trátase da segunda ocasión na que o Goberno autonómico participa nunha actividade destas características, enmarcada no Mecanismo Europeo de Protección Civil. Xa o ano pasado, a través deste mesmo programa, Galicia contou coa presenza dunha delegación de bombeiros de Estonia que realizou unha estancia formativa na comunidade.
María José Gómez explicou que neste 2025 serán 60 os bombeiros que terán a oportunidade de coñecer e aprender os métodos, procedementos e ferramentas empregadas polo SPIF. Esta é a primeira expedición neerlandesa que se traslada a Galicia, xa que na primeira metade de agosto será a quenda dun segundo grupo de bombeiros dos Países Baixos. Na segunda metade do próximo mes, recibirase tamén unha delegación procedente de Estonia, que repite tras a boa experiencia de 2024, e en setembro virán a Galicia bombeiros do País Vasco. A conselleira asegurou que accións coma estas teñen que facermos sentir orgullosos do noso dispositivo de prevención e extinción de incendios.
Estas delegacións europeas recibirán formación teórica e práctica no CILL de Toén, un espazo creado e deseñado polo Goberno autonómico para perfeccionar a formación do persoal, no que se centraliza tanto a formación continua de bombeiros forestais como a instrución de novos profesionais neste eido. A titular de Medio Rural lembrou que o obxectivo principal deste centro é “convertelo nun referente no eido da cooperación internacional”, co fin de poñelo a disposición de todos os profesionais de Europa. Unha meta que, asegurou, está a acadarse con estancias formativas coma estas.
Aposta pola formación
María José Gómez resaltou que a formación do persoal de loita contra os lumes “é clave” para poder responder ante os lumes forestais do xeito organizado e eficaz. Por iso, dende o Goberno autonómico apóstase de xeito reiterado pola formación do persoal de loita contra o lume.
Para o bienio 2025-2026 destinaranse preto de 1,8 millóns de euros á formación e adestramento do SPIF, o que supón un incremento do 19 % en comparación co bienio anterior. Consolídase así o esforzo realizado nos últimos anos, co obxectivo de contar na comunidade cun “dispositivo público, versátil e eficaz” que conte cos coñecementos necesarios para facer fronte aos lumes.