A Xunta promove o coidado da saúde mental no marco da campaña ‘Modo verán activo’
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, asiste no campamento de A Devesa a unha das actividades organizadas en colaboración coa Consellería de Sanidade
O obxectivo da iniciativa é achegar esta temática aos máis novos nun contexto lúdico
Tras a parada en Ribadeo, as sesións continuarán en Entrimo e Boiro
Ribadeo (Lugo), 22 de xullo de 2025
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitou hoxe á mocidade do campamento xuvenil A Devesa, no concello lucense de Ribadeo, onde presenciou unha das actividades para sensibilizar sobre o coidado da saúde mental dirixidas á mocidade de entre 12 e 17 anos que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude organiza este verán en colaboración coa Consellería de Sanidade e no marco da campaña Modo verán activo.
Tal e como explicou a directora xeral de Xuventude, trátase de propostas que buscan romper cos estigmas e falsos mitos asociados aos problemas de saúde mental, ademais de “fomentar o diálogo e achegar esta temática aos máis novos nun contexto lúdico, afastado do sanitario”.
As actividades, dirixidas por dúas persoas instrutoras do Programa Youth Aware of Mental Health, inclúen dinámicas adaptadas a cada rango de idade nas que se traballarán as emocións, consellos para sentirse mellor ou mitos sobre a saúde mental. Compleméntanse cunha sesión informativa ás persoas monitoras dos campamentos e, se procede segundo a idade, a presentación e o visionado dun vídeo sobre a conduta suicida dirixido por Rubén Ríos.
As sesións deste programa, tras percorrer distintas localidades neste mes de xullo, continuarán en Entrimo e Boiro ao longo dos meses de xullo e agosto.
A cifra de participantes neste campamento está incluída nas 11.630 prazas que a Xunta ofrece na súa programación estival deste 2025, sendo a maior oferta da súa historia, e que abrangue tamén campos de voluntariado, os minicampamentos Coñece Galicia, actividades para maiores de 18 anos ou a posta a disposición das instalacións xuvenís xestionadas pola Administración autonómica para o seu uso.