Marta Villaverde participou na presentación do SEALabHaus
Galicia pon en marcha o primeiro laboratorio dixital de innovación costeira atlántica que impulsa e difunde a economía e o patrimonio cultural marítimos
As Consellerías do Mar e Facenda desenvolveron a plataforma web desta iniciativa pioneira que actúa como ponte entre o coñecemento técnico, políticas públicas e a acción local
Este foi un dos 27 proxectos aprobados no marco do Programa Interreg Espazo Atlántico 2021-2027
Permite innovar na cadea de valor, transformando e revitalizando o ecosistema mariño en equilibrio co mar, obxectivos que van na liña da Estratexia de Economía Azul de Galicia o PCUMA, desenvolvidos pola Xunta
Outes (A Coruña), 22 de xullo de 2025
Galicia conta co primeiro laboratorio dixital de innovación costeira atlántica, que reúne boas prácticas, ferramentas técnicas, exemplos de proxectos sostibles e recursos orientados á acción local. Trátase do proxecto SEALabHaus (https://sealabhaus.eu/en), que impulsa o turismo e a economía azul, ademais do patrimonio natural e cultural dun mar inclusivo e sostible no territorio.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou na presentación desta iniciativa, enmarcada na primeira convocatoria do Programa Interreg Espazo Atlántico 2021-2027. Actúa como ponte entre o coñecemento técnico, políticas públicas e a acción territorial, sendo o principal resultado visible a plataforma web que lle dá soporte, e que foi desenvolvida pola Consellería do Mar, en colaboración coa de Facenda, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Un dos 27 aprobados
Entidades e comunidades mariñeiras poden acceder así a recursos e modelos adaptables á súa realidade, obter apoio para deseñar proxectos vencellados ao mar e compartir ou visibilizar boas prácticas doutros puntos do arco atlántico. O SEALabHaus foi un dos 27 proxectos aprobados no marco de dito Programa transfronteirizo, que conta cun orzamento de 3,7 millóns de euros, dos que 2,6 millóns proveñen do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).
Permite innovar na cadea de valor do turismo e a cultura azul, transformando, revitalizando e potenciado o ecosistema turístico costeiro en equilibrio co mar como factor clave de resiliencia, benestar e sustentabilidade; obxectivos que van na liña da Estratexia da Economía Azul e do Plan de Cultura Marítima de Galicia, deseñados e impulsados polo departamento que dirixe Villaverde. E é que, tal e como expuxo a conselleira, este tipo de iniciativas afondan no turismo, a actividade e a cultura azul, entendidos como forza impulsora do desenvolvemento das rexións costeiras do Espazo Atlántico, xerando riqueza e creando emprego nos territorios do litoral.
Galicia como socia
A Universidade de A Coruña asumiu o liderado deste proxecto, con socios de cinco rexións atlánticas europeas (Irlanda, Francia, Galicia, Portugal e Canarias). Introduce un enfoque innovador e integrado, inspirado na Nova Bauhaus Europea (NBE), a través do deseño colaborativo deste laboratorio transnacional para o espazo atlántico.
A NBE é un facilitador da transición verde que ten como finalidade transformar diferentes sectores económicos, proporcionando espazos para a creación e experimentación a través da sostibilidade, a inclusión e a calidade de experiencia e estilo, máis aló da funcionalidade.
No acto de presentación tamén participaron a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángelez V. Suárez, e a delegada territorial da Xunta en A Coruña, Belén do Campo.