O Servizo de Cardioloxía da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés recibe un premio á excelencia operativa en xestión sanitaria

O acto de entrega do recoñecemento tivo lugar no Hospital de Montecelo

Este recoñecemento nacional pon en valor o compromiso da área sanitaria coa innovación, a excelencia na xestión e o enfoque centrado nas persoas

Pontevedra, 23 de xullo de 2025

O Servizo de Cardioloxía da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés foi galardoado cun dos prestixiosos Premios IESE-Novartis 2025 á Excelencia Operativa en Xestión Sanitaria, grazas ao proxecto Practicum NPS: Experiencia recíproca entre pacientes e profesionais, unha innovadora iniciativa centrada na mellora da experiencia compartida no proceso asistencial.

O acto de entrega do recoñecemento tivo lugar no Hospital Montecelo de Pontevedra, e contou coa presenza de José Flores, xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés; Jorge García-Borregón, subdirector de Calidade, Humanización e Atención á Cidadanía; e Diego López, xefe do Servizo de Cardioloxía.

O proxecto Practicum NPS baséase na escoita activa e a mellora continua mediante un modelo de retroalimentación entre pacientes e profesionais sanitarios, consolidando así unha cultura de calidade e humanización na atención cardiovascular.

Este recoñecemento nacional pon en valor o compromiso da área sanitaria coa innovación, a excelencia na xestión e o enfoque centrado nas persoas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/07/2025