Martina Aneiros pon en valor a relevancia deportiva, turística e social de Equiocio 2025 como parte da identidade de Ferrol

A delegada territorial da Xunta en Ferrol participou esta mañá na presentación da 34ª edición do certame hípico que terá lugar do 31 de xullo ao 3 de agosto no campo das Cabazas

Ferrol, 23 de xullo de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación oficial da 34ª edición de Equiocio que se desenvolverá do 31 de xullo ao 3 de agosto no campo das Cabazas, en Covas. Un evento deportivo recoñecido a nivel estatal e internacional “que conseguiu adaptarse aos tempos e evolucionar ata converterse nunha combinación perfecta entre o deporte, o coidado da natureza, as manifestacións culturais e un relevante carácter social que ano tras ano segue medrando”, indicou a delegada territorial.

Na súa intervención, Aneiros destacou o apoio da Xunta de Galicia a un evento que forma parte da identidade propia da nosa cidade, “unha cita ineludible no calendario estival de Ferrol e Galicia e un atractivo máis dentro da oferta turística que a nosa comarca ofrece aos visitantes”.

A delegada territorial destacou tamén a súa aportación á dinamización da economía local e á atracción de visitantes e puxo en valor a importancia da colaboración entre as institucións públicas e privadas para a realización de eventos desta magnitude, “que promoven o desenvolvemento da nosa comunidade”.

Concluíu agradecendo o traballo e dedicación dos organizadores do certame e animando a veciños e visitantes a desfrutar desta nova edición de Equiocio, “a vivir a emoción da competición deportiva” e participar “na ampla oferta de actividades lúdicas e festivas para toda a familia que se desenvolverán nesta nova cita”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/07/2025