Javier Arias e responsables do Sergas avalían a planificación estival e proxectos en marcha nos centros do Sergas
O delegado territorial de Lugo confirmou que mañá mesmo se incorporará un médico para prestar servizo na Pontenova
Lugo, 23 de xullo de 2025
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo hoxe unha reunión de traballo co xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, e outros responsables do Sergas para avaliar a planificación estival e os proxectos en marcha en distintos centros da provincia.
Arias expresou o seu agradecemento ao persoal sanitario, que “nestas datas realiza un esforzo engadido nun escenario xa de por si complicado pola falta de facultativos, un problema de ámbito estatal que require unha actuación decidida e urxente por parte do Goberno central”.
Referiuse expresamente ao caso da Pontenova e confirmou que este mesmo xoves incorporarase un facultativo ao centro de saúde, “co que, tal e como avanzamos o pasado luns, a asistencia sanitaria na localidade durante o verán está plenamente garantida”, afirmou.
Neste sentido, o delegado aludiu á manifestación impulsada hoxe polo Concello da Pontenova “pese a coñecer que a solución era inminente, porque así llo transmitimos hai dous días durante a visita que fixemos xunto aos membros da corporación municipal ao centro de saúde e o colexio da localidade”.
Con respecto á reestruturación dos cursos de Educación Infantil no colexio, o delegado sinalou que se respectan as ratios establecidas para este nivel educativo e lembrou que a Xunta está a realizar novas obras para a mellora das instalacións, ás que destina 50.000 euros.