Belén do Campo participa nos actos de conmemoración do V Centenario da Expedición de Loaysa rumbo ás Molucas a bordo do buque da armada española, Carnota, atracado na Coruña
A delegada da Xunta destacou o papel protagonista da Coruña na historia da navegación e das grandes expedicións marítimas que contribuíron a cambiar o rumbo da historia mundial
A Coruña, 24 de xullo de 2025
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou, esta tarde, nos actos de conmemoración do quinto centenario da partida da expedición comandada por García Jofre de Loaysa, que saíu do porto da Coruña en 1525 rumbo ás coñecidas como Illas das Especias (Molucas).
Acompañada por autoridades civís e militares, a delegada asistiu aos actos a bordo do buque da Armada Española multipropósito Carnota, desde o cal se rendeu homenaxe á importancia histórica daquela travesía.
Na visita a delegada destacou o papel protagonista da Coruña na historia da navegación e das grandes expedicións marítimas que contribuíron a cambiar o rumbo da historia mundial. Subliñou tamén a relevancia de poñer en valor este tipo de efemérides como forma de lembrar a audacia, o esforzo e a capacidade de superación daquelas xeracións.
A expedición de Loaysa, organizada pola Coroa española, partiu o 24 de xullo de 1525 cunha frota de sete naves e máis de 400 homes, entre os que se atopaban figuras tan destacadas como o propio Juan Sebastian Elcano. A misión tiña como obxectivo chegar ás Molucas, as Illas das Especias, e asegurar o control sobre o comercio de especias fronte a Portugal.
O buque Carnota mide 67 metros de eslora por 16 de manga e está equipado para levar a cabo operacións de salvamento e rescate -pode rescatar ata 300 persoas-. Tamén pode loitar contra a contaminación mariña e realizar operacións aeronaves.