A avenida de Pardo de Cela, en Ourense, estará cortada ao tráfico a partir do vindeiro luns, 28 de xullo, con motivo das obras da senda do Barbaña

No marco da senda Os Remedios-Expourense, a Xunta está a intervir no cruce desta avenida, mellorando os movementos peonís e de bicicletas e o paso do Camiño de Santiago

O inicio do corte do tráfico rodado adiouse á vindeira semana tras as conversas co Concello de Ourense, a fin de non interferir cos días da ponte de Santiago, e prolongarase durante tres ou catro semanas

Trátase da última fase das afeccións ao tráfico para a execución dos traballos pendentes no cruce da avenida Pardo de Cela, permitindo a circulación peonil

O obxectivo é crear nesta zona unha ampla superficie onde os cruces se poidan facer en múltiples direccións en condicións de seguridade

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2025

As obras da senda do Barbaña, en Ourense, farán necesario o corte total ao tráfico da avenida Pardo de Cela, na zona dos Remedios, a partir deste vindeiro luns 28 de xullo. Este corte prolongarase entre tres e catro semanas.

Trátase da última fase das afeccións á circulación para executar os traballos pendentes no cruce da avenida Pardo de Cela. O inicio desta fase, que supón o corte total do tráfico rodado, permitindo a circulación peonil, programouse para este luns 28 tras as conversas co Concello de Ourense, a fin de non interferir cos días da ponte da festividade de Santiago.

A Xunta xa instalou a sinalización específica para os desvíos de tráfico con motivo destas obras. Durante a súa execución, habilitaranse itinerarios peonís temporais para facilitar a mobilidade.

A Xunta está a intervir no cruce desta avenida, mellorando os movementos peonís e de bicicletas e o paso do Camiño de Santiago, nunha actuación consensuada coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

O obxectivo destes traballos é crear nesta contorna unha ampla superficie onde os cruces se poidan facer en múltiples direccións en condicións de seguridade. Para acadar este propósito, coordinaranse os semáforos situados na zona do Pavillón Municipal dos Remedios e do Colexio Salesianos.

Tamén se colocará sinalización podotáctil e se disporán marcado viario e sinalización horizontal no cambio de rasante, zona de cruzamento de peóns e carrís de circulación de tráfico rodado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/07/2025