A Xunta lembra que segue aberto o prazo da convocatoria de axudas para programas de entidades do Terceiro Sector con cargo ao 0,7% do IRPF
O orzamento inicial destas axudas é de 33M€, que podería elevarse ata 35M€, o que supón un incremento do 7% con respecto á anterior convocatoria
A través destes fondos, sufráganse actuacións nos ámbitos da protección da infancia, da atención ás persoas maiores e con discapacidade, da inclusión social ou da promoción da igualdade e da loita contra a violencia de xénero
Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2025
A Xunta lembra que o prazo para solicitar as axudas para a realización de programas con fins de carácter social por parte de entidades do Terceiro Sector remata o vindeiro mércores 30 de xullo. Esta convocatoria está dotada cun orzamento inicial de 33,2 millóns de euros, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) e do Imposto de Sociedades.
Neste sentido, o Executivo galego prevé que unha vez que o Goberno central formalice a asignación da contía definitiva que lle corresponde a Galicia, o orzamento desta orde de achegas, que xestiona a Consellería de Política Social e Igualdade, ascenda este mesmo ano ata os 35,5 millóns de euros, o que suporía un 7% máis que o ano pasado.
Esta liña de achegas está dirixida a entidades que traballan no ámbito das políticas sociais e a igualdade. É dicir, que desenvolven actuacións destinadas á protección da infancia, á atención das persoas maiores e con discapacidade, á inclusión social, á promoción da igualdade entre mulleres e homes ou á prevención da violencia de xénero e o apoio ás vítimas. A través destas axudas tamén se poden financiar investimentos en equipamento, obras de adaptación e rehabilitación de centros e unidades de atención ou a adquisición de vehículos.
O pasado ano, a través desta convocatoria de achegas, financiáronse 744 programas e proxectos impulsados por 155 entidades, o que supón 48 iniciativas e 8 entidades máis que coa orde de 2023. Estas cifras amosan a tendencia crecente iniciada desde a primeira convocatoria de 2017, na que se financiaron 201 programas a 55 entidades.