Extinguido o incendio forestal do concello ourensán de Cualedro, parroquia de San Millao

Este lume, que se rexistrou en territorio galego e portugués, afectou dentro da nosa Comunidade unha superficie de 97,27 hectáreas, a maior parte de monte raso

Santiago de Compostela, 25 de xullo de 2025

A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal rexistrado no concello ourensán de Cualedro, parroquia de San Millao, que tamén afectou a Portugal, está extinguido dende as 15.45 horas de hoxe.

O lume iniciábase o pasado mércores ás 16.38 horas e finalmente afectou unha superficie de 97,27 hectáreas en territorio galego. Delas, 96,77 corresponden a monte raso e as restantes 0,5 a arborado. 

Para a extinción deste incendio mobilizáronse en total 3 técnicos, 22 axentes, 34 brigadas, 18 motobombas, 3 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 4 avións. Entre estes efectivos participaron tamén os bombeiros de Países Baixos que están a realizar unha estancia formativa en Galicia enmarcada no Mecanismo Europeo de Protección Civil.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.

Data de actualización: 25/07/2025