A Xunta e a Federación Galega de Montañismo poñen a punto 151 rutas de sendeirismo nunha clara aposta pola promoción do turismo de natureza
O director de Turismo de Galicia percorreu un tramo da ruta ‘Per Caminho de Lampai’, homologada pola Federación Galega de Montañismo que ten un percorrido de 4,4 Km.
Teo (A Coruña), 28 de xullo de 2025
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, realizou esta mañá un tramo da ruta de sendeirismo ‘Per Caminho de Lampai’, situada no concello coruñés de Teo. A andaina enmárcase no acordo recentemente asinado coa Federación Galega de Montañismo (FGM) para a inspección das 151 sendas homologadas de Galicia.
O convenio subscribiuse para supervisar o estado de conservación das rutas inscritas no listado da FGM, de cara a reeditar o folleto ‘Sendas para descubrir un país’. Así, a Federación encargarase de requirir aos entes promotores das sendas homologadas destas provincias a súa posta a punto para despois revisalas. Se neste proceso se detectasen novas deficiencias, requirirase a súa corrección. En caso de que non se realicen estes traballos ou non sexan suficiente, a ruta será deshomologada. Inicialmente estanse a revisar as 82 rutas das provincias de A Coruña e Lugo e logo continuarase coas de Ourense e Pontevedra.
A ruta ‘Per Caminho de Lampai’ é unha das que acadou a súa homologación nos últimos anos; en concreto, en 2023. Abrangue unha distancia total de 4,45 quilómetros durante o seu percorrido circular, e pasa polo miradoiro de Agrela. Con 410m de altitude, este permite ver desde a catedral de Santiago ata a ría de Arousa. Durante o seu percorrido, Xosé Merelles, salientou “a oportunidade que ofrece estas rutas de sendeirismo para poñer en valor a oferta de turismo de natureza da nosa comunidade”.
Neste sentido, o director de Turismo sinalou o patrimonio natural de Galicia como un dos seus principais activos turísticos, citando datos da Enquisa de Turismo de Residentes de 2024, seguindo a que o turismo de natureza é o motivo para visitar Galicia dun 4,7% de visitantes nacionais. Por iso, a Estratexia de Turismo 2030 recoñece a súa importancia, vinculada tanto ao turismo activo como o rural. Na actualidade, Galicia conta con 151 sendas homologadas, que supoñen 1.967,7 quilómetros practicables.