Belén do Campo presenta a primeira senda ecoturística de Biosfera como exemplo dun turismo sostible e de posta en valor do litoral

A delegada da Xunta na Coruña puxo en valor esta intervención como “un exemplo claro do modelo de territorio que queremos para as Reservas de Biosfera galegas: un ecoturismo certificado, respectuoso co medio, de calidade e centrado na restauración ambiental”

Miño (A Coruña), 28 de xullo de 2025

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou, esta mañá, na inauguración oficial da primeira senda ecoturística de Biosfera, situada no concello de Miño. A nova infraestrutura conecta o litoral entre Ponte do Porco e o porto de Miño, recuperando un trazado natural de 1,8 quilómetros, sen pisar asfalto, e integrando actuacións ambientais, paisaxísticas e de posta en valor do litoral. Esta senda completouse cun último tramo de 300 metros que se acaba de rematar.

A representante do Goberno autonómico lembrou que contar con esta senda foi posible grazas a varias axudas da Xunta concretamente unha de 30.000 euros, de mellora ambiental da Praia da Ribeira, dentro da orde de conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio das reservas da biosfera e outra de 20.000 euros, que contemplou a recuperación do trazado entre a Praia da Ribeira e Ponte do Porco  dentro da orde de subvencións para preservar as zonas de Rede Natura.

Durante a visita, a delegada puxo esta intervención como “un exemplo claro do modelo de territorio que queremos para as reservas de biosfera galegas: un ecoturismo certificado, respectuoso co medio, de calidade e centrado na restauración ambiental”.

A senda permite realizar unha conexión peonil natural entre as praias de Ribeira e Alameda, nun percorrido continuo. As actuacións realizadas contemplaron a eliminación de especies exóticas invasoras, a restauración de vexetación autóctona, a estabilización de noiros con madeira, a mellora das pasarelas e a instalación de nova sinalización divulgativa e de uso do espazo, así como a posta en valor do treito da Senda dos Sentidos.

A intervención enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística de Reserva de Biosfera, financiado con fondos europeos Next Generation da Unión Europea, posto en marcha co apoio da Xunta de Galicia. Neste senso recalcou que “o voso é un dos 10 Plans de Sustentabilidade Turística en Destino que incluímos no primeiro Plan Territorial deseñado pola Xunta de Galicia cos fondos europeos transferidos a Galicia”.

A representante do Goberno autonómico lembrou que este amplo proxecto conta cun investimento global de 1,5 millóns de euros de fondos Next Generation, concedidos tras a avaliación positiva das administracións, incluido o Goberno galego, da proposta presentada pola Reserva de Biosfera: “estádeslle sacando un rendemento excelente a estes fondos, con boa planificación, rigor na execución e visión estratéxica, demostrando que comprendedes perfectamente a oportunidade que supoñen para transformar os territorios”, apuntou Belén do Campo.

A delegada destacou tamén o apoio continuado da Xunta á Reserva de Biosfera das Mariñas  Coruñesas. Neste senso, destacou que “levamos anos colaborando cos concellos e entidades locais para construír un destino turístico diferenciado, baseado na calidade, na sostibilidade e na posta en valor dos recursos naturais”.

Por último, felicitou aos responsables do proxecto e reiterou o compromiso do Goberno galego para seguir mobilizando fondos europeos con axilidade e eficacia, co obxectivo de continuar apoiando accións que impulsen un modelo turístico sostible e transformador para Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/07/2025