Estabilizado o incendio do concello pontevedrés de Salvaterra de Miño, parroquia de Pesqueiras

Segundo as últimas estimacións, o incendio afecta unha superficie de arredor de 30 hectáreas

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2024

A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal rexistrado no concello pontevedrés de Salvaterra de Miño, parroquia de Pesqueiras, está estabilizado desde as 10.53 horas desta mañá.

O lume iniciouse onte ás 15.45 horas e segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de arredor de 30 hectáreas. Polo de agora mobilizáronse para a súa extinción 4 técnicos, 15 axentes, 25 brigadas, 17 motobombas, 3 pas, 1 unidade técnica de apoio, 9 avións e 8 helicópteros. Entre estes efectivos participaron tamén os bombeiros de Países Baixos que están a realizar unha estancia formativa en Galicia enmarcada no Mecanismo Europeo de Protección Civil.

Neste lume foi preciso declarar onte a Situación 2 como medida preventiva, pola súa proximidade ao núcleo de poboación de Castelo. Esta situación operativa foi desactivada arredor das 21.00 horas do mesmo luns.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.

Data de actualización: 29/07/2025