Belén do Campo e a alcaldesa de Cambre reúnense para seguir avanzando nas vías de colaboración entre ambas administracións
A representante do Goberno autonómico repasou con Diana Piñeiro a situación dos proxectos comprometidos con este municipio, que contan co apoio do Goberno galego, e informoulle das diferentes ordes de axudas dirixidas aos concellos, veciños e empresas
Cambre (A Coruña), 29 de xullo de 2025
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo hoxe un encontro de traballo coa alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, no que abordaron os distintos proxectos e axudas comprometidas polo Goberno galego neste municipio.
Concretamente, analizaron a situación de actuacións importantes no eido das infraestruturas como o compromiso da Xunta de seguir avanzando coa Vía Ártabra, neste senso informoulle que está previsto que se someta a información pública o seu trazado este mesmo ano. Ademais, analizaron outras actuacións de mellora en diferentes estradas no municipio para mellorar a seguridade viaria.
No encontro a delegada tamén destacou as actuacións comprometidas pola Xunta nos diferentes centros educativos destacando o investimento de máis de 375.000 euros para a cubrición da pista e a construción dun muro de contención no IES Alfonso X o Sabio. Estas obras rematarán no mes de setembro para o inicio do curso. A finalidade do novo proxecto é dar resposta ás necesidades dos usuarios do centro de dispoñer de espazo cuberto exterior para o desenvolvemento de actividades deportivas e de recreo. A actuación contempla a cubrición da pista deportiva existente no extremo sur da parcela, mediante unha cuberta a dúas augas. Na reunión a alcaldesa tamén lle trasladou outras necesidades en centros educativos, especialmente no CEIP Porto Faro e no CEIP Emilia Pardo Bazán.
No encontro tamén que a través do programa de Fomento do Emprego, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración contan con tres traballadores municipais, financiados co programa Aprol Rural, para mellorar a prestación dos servizos aos seus veciños. Co apoio desta mesma Conselleira ambas destacaron o bo funcionamento do obradoiro de emprego dual de formación sociosanitaria, no que se están a formar a 20 veciños, grazas a un apoio da Xunta de máis de 411.000 euros, que rematará o 31 de agosto.
Ademais, Belén do Campo informoulle á rexedora das diferentes ordes de axudas do Goberno galego dirixidas aos Concellos, veciños e empresas para que as poidan solicitar e beneficiarse das mesmas. Pola súa banda a alcaldesa trasladoulle o seu interese por potenciar desde o punto de vista turístico o traxecto do Camiño Inglés neste municipio a través de vías de colaboración. A delegada destacou a importancia de manter un diálogo continuo cos representantes das administracións locais e de coñecer de primeira man as súas necesidades para, desta forma, acertar coas iniciativas que vaian en beneficio dos cidadáns.