A Xunta demanda un maior papel e participación para as comunidades autónomas na toma de decisións de interese común no ámbito deportivo

O secretario xeral para o Deporte participou na reunión da Conferencia Sectorial do Deporte celebrada onte en Madrid

Madrid, 30 de xullo de 2025

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na tarde de onte na Conferencia Sectorial do Deporte celebrada no Consello Superior de Deportes, onde reclamou unha maior participación das comunidades autónomas na toma de decisións deportivas.

Defendeu así os intereses e a presencia das federacións deportivas e clubs autonómicos en ámbitos como a execución dos fondos do programa europeo Erasmus +, ou a necesidade de que as comunidades autónomas con cidades sede poidan participar dos traballos e sesións da Comisión Interministerial da Copa Mundial da FIFA 2030. Asemade, e en liña coa maioría dos integrantes da Conferencia, volveu trasladar a oportunidade de ampliar os prazos de execución dos proxectos PRTR aprobados en anteriores conferencias sectoriais, ao fin de garantir a máxima operatividade dos fondos europeos e os intereses deportivos en xogo.

O secretario xeral para o Deporte lamentou que no encontro non se tiveran en conta outros asuntos de importancia para o conxunto do deporte español. Así, e representando igualmente os intereses do deporte galego, Lete Lasa trasladou, fóra xa do orde do día, a súa preocupación por outras problemáticas, como a relativa á integración dalgunhas federacións autonómicas nas súas respectivas españolas algo que, apuntou, prexudica gravemente ao conxunto do sistema deportivo español e aos propios deportistas.

Por último, Lete Lasa criticou a falta de sensibilidade do goberno central co deporte, como demostran o retraso de 19 meses na convocatoria destas sesións.

Data de actualización: 30/07/2025